Ás oito da tarde de onte inaugurábase oficialmente a quinta edición do Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc. O festival seguirá contando co apoio incondicional do Concello de Tui e continuará coa súa aposta por mostrar un cine innovador e de calidade. No acto estaban presentes o alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, o deputado provincial de cultura, Jesús María Fernández Portela, e os directores do festival, Sara García e Anxo Sánchez.
Abriu a quenda de intervencións Anxo Sánchez, destacando unha vez máis o gran esforzo realizado nos cinco anos de vida deste festival por facerse un oco no panorama de festivais do noso país. Destacou ademais, que sendo este un certame de pequenas dimensións conta cunha personalidade propia que o fai diferente do resto. Resaltou a vocación internacional e intercultural de Play-Doc e a aposta continuada por mostrar un cine comprometido afastado dos circuítos habituais de exhibición.
Agradeceu a colaboración prestada nos últimos anos pola Dirección Xeral de Promoción e Difusión Cultural e da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, e recalcou a boa sintonía e a receptividade mostrada con este proxecto desde as dúas direccións xerais, do mesmo xeito que a Deputación de Pontevedra. De forma especial, recoñeceu tamén o esforzo realizado polo Concello de Tui, máis concretamente do Departamento de Cultura, do que dixo sentir o apoio nos momentos máis difíciles.
O alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, manifestou o seu orgullo por inaugurar esta quinta edición de Play-Doc, da que dixo que se chegou ata aquí era grazas ao esforzo persoal de Anxo e Sara e ao amplo grupo de colaboradores cos que contan. Destacou, ademais, que o Concello de Tui vai seguir apostando por Play-Doc, ata agora nos momentos en que economicamente o concello pode ter máis problemas. Aseguraba deste xeito a intención do Concello de seguir apoiando este festival.
Ao mesmo tempo, destacou que para Tui era importante non vivir exclusivamente do pasado milenario da cidade, senón tamén dunha mirada cara ao presente e o futuro e unha decidida aposta polo máis actual. Asegurou que con este festival Tui séntese global e a xente de Tui séntese inmersa no mundo. Cualificou o traballo dos organizadores de serio, rigoroso, innovador, internacional e, ao mesmo tempo, decididamente local.
Para acabar o acto de inauguración, Sara García asegurou que é o propio festival e as películas incluídas nel as que mellor poden falar do traballo realizado, e desexou que o público goce durante os próximos catro días participando nos concertos, as proxeccións, as exposicións e todo o ambiente que vira ao redor deste certame.
Paralelamente ao acto de inauguración, abría as súas portas a exposición de pintura de Jamshid Aminfar, pintor iraniano protagonista do documental “Cianose”. Na mostra expóñense obras deste artista que completan a visión que sobre este personaxe reflíctese na película da realizadora, tamén iraniana, Rokhsareh Ghaemmaghami.