Ata o próximo 30 de abril está aberto o prazo para que os directores, guionistas e produtores que busquen acordos para a coprodución, distribución ou comercialización dos seus proxectos, poidan presentalos á V edición do pitching I+P, ideas para producir, que anualmente convoca o CLAG. Coa apertura da convocatoria, a organización da V edición do pitching I+P ponse en marcha para convertir Vigo o día 22 de maio nun punto de encontro audiovisual de primeiro nivel, no que produtoras e guionistas terán a oportunidade de presentar os seus proxectos ante responsables de programación, ficción ou antena das principais canles de televisións nacionais e autonómicas ademais de directivos de importantes produtoras e distribuidoras.
Poden participar con proxecto empresas audiovisuais, sexan ou non asociadas ao CLAG, así como profesionais a título individual, nas categorías de ficción (longametraxe, tv movie, serie tv, animación, contidos para móbiles… ) ou non ficción (documental, docu soap…).
Cada empresa asociada poderá concurrir cun proxecto por dereito propio, mentres que os presentados por guionistas, produtores ou directores a título indivdual serán obxecto dunha selección que levará a cabo unha comisión proposta polo CLAG, que fará pública a lista definitiva dos proxectos participantes o día 6 de maio.
A sesión de exposición de proxectos será o día 22 de maio, no Hotel Pazo de Los Escudos (Avda. Atlántida 106) en Vigo, en horario de mañá, estando previsto celebrar en horario de tarde sesións bilaterais cos compradores. Como novidade, este ano por primeira vez e para dar un valor engadido á convocatoria, o Clag ofrecerá aos responsables dos proxectos participantes unha sesión previa na que un experto en técnicas de presentación de obras audiovisuais dará as claves esenciais a ter en conta á hora de afrontar un pitching. Todos aqueles guionistas, directores e produtores interesados en presentar os seus proxectos, poden facelo cubrindo o formulario de inscrición que se publica na web www.clusteraudiovisualgalego.com
O pitching chega á súa V edición consolidado como un dos eventos de referencia do CLAG e máis agardados polos profesionais, no que cada ano vai en aumento o número de proxectos presentados e a diversificación da súa procedencia. Nas catro edicións anteriores presentaronse preto de 70 proxectos, moitos dos cales atoparon viabilidade para o seu desenvolvemento a través da súa participación no pitching do CLAG.