O vindeiro día 22 desembarcarán en Vigo directivos dunha vintena de compañías, entre canles de Tv e produtoras internacionais, para asistir á V edición do pitching I+P, ideas para producir, organizado polo CLAG, no que se presentarán 19 proxectos audiovisuais.
O obxectivo do pitching é ser un encontro de negocio, no que produtoras e guionistas teñan a oportunidade de presentar os seus proxectos ante responsables de programación, ficción ou antena das principais canles de televisións nacionais e autonómicas e ante directivos de importantes produtoras e distribuidoras. En total, o CLAG reunirá en Vigo a máis de medio cento de profesionais da industria audiovisual, entre creadores e compradores, na procura de alianzas e acordos para a produción ou distribución das novas propostas.
A sesión de exposición de proxectos terá lugar no Hotel Pazo de Los Escudos (Avda. Atlántida 106) en Vigo, a partires das 9.00 horas, estando previsto celebrar en horario de tarde as sesións bilaterais entre os autores dos proxectos e os compradores. A xornada rematará cunha visita dos directivos das compañías audiovisuais ao festival de Cans, no que colabora o CLAG, como patrocinador do premio do Público á mellor curtametraxe de ficción.
Os 19 proxectos que se presentan na V edición do pitching, elixidos entre os máis de 50 presentados á convocatoria, son os seguintes:
- «La Clase» (Docu-Reallity) de Kálida Producciones e Productora Faro
- «La vida privada de un detective privado» (Serie/Ficción/Semanal/Comedia) de Arrayas Producciones
- «Aztronimo» (Serie/Animación) de Cromosoma
- «Querida Gina» (Documental) de Susana Sotelo, directora.
- «Nunca es tarde» (Comedia Romántica Ficción) de Ana Torres, guionista.
- «Pintxos» (Serie Documental Gastronómico) de 3Koma
- «Arrugas» (Longametraxe/Animación) de Perro Verde
- «Prisciliano» (Longametraxe/Ficción/Drama Histórico) de Artemática
- «Eduardo Barreiros, el Henry Ford español». (TV Movie/Biopic) de Continental Producciones
- «Asiento Reservado» (Concurso/Quiz Show diario) de Boomerang TV
- «A tropa de trapo» (Longametraxe Animación/Aventura) de Abano Producións
- «Horizonte 2» (Ficción/Sitcom Futurista) de Filmanova
- «El síndrome Cacareco» (Longametraxe/ Ficción/ Comedia) de Formato Producciones
- «Matalobos» (Serie/Ficción/Thriller Policiaco) de Voz Audiovisual
- “Glumpers” (Serie /Animación) de Motion Pictures
- «Na procura da Besta» (Longametraxe/Documental) de Setemedia-TVSiete
- «Pornópolis» (Ficción/Comedia Conspiranoica) de Gonzalo Velasco
- «Bulldog» (TV Movie Policiaca) de Brutal Media
- «N-VI» (Road Movie/Documental) de Pela del Alamo, director
Unha vintena de compañías interesadas en comprar
Como potenciais compradores, asistirán ao pitching directivos de 14 canles de Tv (Cuatro, Antena 3, TeleCinco, televisión autonómica de Baleares, Aragón TV, Canal Extremadura, TVCanarias, TV Comunidad Valenciana, TV Castilla la Mancha, TeleMadrid, ETB, Canal Sur, RTV Murcia e CRTVG) e compañías produtoras como Neptuno Filmes, Sony Pictures Iberia, Finding 4 you, Filmax, DeAPlaneta e Expressive; así como a SGR.
«I+P, Ideas para Producir» chega á súa V edición consolidado como un dos eventos de referencia do CLAG e máis agardados polos profesionais, no que cada ano vai en aumento o número de proxectos presentados e a diversificación da súa procedencia. Nas catro edicións anteriores exhibíronse preto de 70 proxectos, moitos dos cales atoparon viabilidade para o seu desenvolvemento a través da súa participación no pitching do CLAG.