CAMPÁS, UNHA CURTAMETRAXE DE MR.MISTO FILMS DIRIXIDA POR JAIRO IGLESIAS, ESTRÉASE ESTE VENRES NO TEATRO PRINCIPAL

5 / 06 / 2009

Esta curta pecha a triloxía sobre a Guerra Civil que produtora e director comezaron coas obras 1936.Ribadeo (estreada en 2007) e Cores (curtametraxe galega máis premiada ao longo de 2008 en festivais de Galicia e do resto do Estado). A curta conta cun elenco de luxo, entre os que se atopan algúns dos actores e actrices de máis renome no audiovisual galego actual. Xosé Barato (Mestre Mateo ao mellor comunicador de televisión 2007 e actor da exitosa serie Matalobos), Belén Constenla (Mestre Mateo á mellor actriz 2008), Fernando Morán (triunfa tamén na serie Matalobos de Televisión de Galicia), Vicente da Souza, Isabel Blanco, Gustavo Pernas, entre outros.

“Estamos facendo realidade un reto ao que demos comezo fai un ano, a nosa curta máis ambiciosa, con maior presuposto, maior número de actores, actrices e localizacións así como cun equipo técnico máis amplo”, sinalan Mikel Fuentes, de Mr.Misto Films, e Jairo Iglesias, director da curta. A ledicia polo traballo ben feito é compartida tanto polo director como polo produtor. “A presentación da curtametraxe en 35mm., en calidade cine, vai permitir que o público perciba a obra en toda a súa calidade tanto de imaxe coma de son. Para min foi unha experiencia única ver medrar esta peza e agora quero que a xente que a vexa vaia máis aló dos 25 frames por segundo”, comenta un Jairo Iglesias que promete, cun sorriso cheo de picardía, unha estrea “especial e con moitas sorpresas” ao tempo que agradece o esforzo de Mr.Misto Films “para sacar adiante este proxecto no que creron dende o primeiro momento malia complexidade da súa produción con respecto aos proxectos anteriores”.

 

O nacemento de Campás

Mr.Misto Films e Jairo Iglesias comezan a traballar na temática da Guerra Civil no ano 2007 coa estrea de 1936.Ribadeo e un ano despois coa rodaxe de Cores. Dende o primeiro momento viron que “era unha temática chea de historias, tramas e momentos de tensión que queriamos contar para que non ficasen no esquecemento, era o noso particular xeito de recuperar a nosa memoria histórica”. “A nosa idea era situar os personaxes nun contexto duro e cruel como foi a Guerra Civil e centrar neles a historia, nunha loita constante por manter viva a esperanza, a ilusión ou o amor nun momento difícil”, salientan Mikel Fuentes e Jairo Iglesias.

A idea do que eles califican como “realismo máxico” planea ao longo das tres curtas pero aflora de maneira especial en Campás. “Esta curta nace dunha idea ben simple, un republicano que tira pedras contra as campás das igrexas. A partir dese feito van aparecendo tramas e conflitos que vou enfiando ata artellar a historia de tres homes homes que teñen que chegar co médico á vila no medio da Guerra”, revela o director Jairo Iglesias.

Unha das claves da curtametraxe está nas súas localizacións. Escenarios da Fonsagrada, Valga, Parga ou Mondoñedo conviven na pantalla para dar forma aos escenarios nos que se desenvolve esta historia.

Campás é unha curta de Mr.Misto Films, dirixida por Jairo Iglesias, que conta co apoio da Axencia Galega do Audiovisual da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia. Realizada coa colaboración de Gadis, Concello de Valga, Concello de A Fonsagrada, Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, Comisión de Recuperación da Memoria Histórica da Coruña así como do resto de persoas e institucións que fixeron posible este traballo.

A web da curtametraxe www.curtacampas.com está realizada pola empresa DobleClic

Etiquetas: