A Fundación Carlos Casares, coa Vicerreitoría do Campus de Ourense e en colaboración co Consorcio Audiovisual de Galicia, o Concello de Celanova e outras institucións, promove a sexta edición do Curso de Extensión Universitaria de Celanova, que terá lugar os días 8, 9 e10 de xullo no mosteiro de San Rosendo, e que levará por título O Audiovisual e as industrias culturais
Na presente edición preténdese reflexionar e debater arredor do audiovisual e a súa relación coa industria e mais coa cultura, dous territorios cos que necesita convivir pero que, ao mesmo tempo, lle demandan necesidades diferentes, as mesmas que bambean entre o negocio e a creación, entre a rendibilidade económica e a expresión artística. Ao tempo que se ofrece unha visión xeral tamén se busca a particular desde o audiovisual e as industrias culturais de Galicia. Sen esquecer finalmente a compoñente de formación e difusión esixida a un marco universitario como o do propio curso.
Simultaneamente, primando a compoñente lúdica co pulso actual do audiovisual galego, e coa colaboración dos seus respectivos autores, haberá ocasión de ver dous filmes de produción recente, recoñecidos con sendos premios Mestre Mateo 2009: a longametraxe documental Flores tristes, de Teo Manuel Abad (8 de xullo), e a de ficción de Ángel de la Cruz, Os mortos van á présa (9 de xullo). As proxeccións terán lugar ás 21.45 horas no fermoso claustro do mosteiro e a entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo.
O Curso está coordinado por Miguel Anxo Fernández, escritor, crítico cinematográfico e profesor asociado de Comunicación Audiovisual da Universidde de Vigo, e contará coa presenza de máis de 30 conferenciantes, entre os que se atopan os catedráticos Enrique Bustamante, Emili Prado ou Xosé López García; profesionais do cine e de produtoras do audiovisual como Pedro Alonso, Luís Iglesia, Carlos Portela, Ignacio Vilar, Antón Reixa, David Rubín, Carlos Carballo, Ramón Domínguez ou Carlos Montero, ademais doutros especialistas e profesionais das industrias culturais como Ana Amorós, Kiko da Silva ou Víctor Freixanes.
A mátricula pode formalizarse en calquera rexistro da Universidade de Vigo ou na Vicerreitoría do Campus de Ourense ata o mesmo día do inicio do curso (en www.vicou.uvigo.es, no teléfono 988.387.300 ou mediante o correo electrónico a vicou@uvigo.es). Os alumnos que se matriculen poderán gozar de transporte gratuíto dende o Campus de Ourense a Celanova. Tamén poderán optar por pernoctar no albergue municipal de Celanova durante o curso grazas á colaboración do concello de Celanova (988.432.201). Por último, A Cátedra da Fundación Carlos Casares ofrece bolsas de 15 euros aos interesados que a soliciten.