TVG ESTREA «MADE IN GALICIA», PUNTO DE ENCONTRO DE ARTESÁNS GALEGOS E APRENDICES INMIGRANTES

10 / 09 / 2009

O próximo martes, 15 de setembro, a Televisión de Galicia estreará, ás 21.30 horas, a serie docu- soap “Made in Galicia”. A súa presentación na última edición dos encontros Galicia Terra de Cine acaparou a atención da prensa internacional. O programa conta coa colaboración da Obra Social Caixa Galicia, a Secretaría Xeral de Emigración, o Ministerio de Traballo e Inmigración e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

 

Made in Galicia é unha serie de 13 programas, de media hora de duración, nos que inmigrantes de todo o mundo asentados en Galicia aprenden dun artesán un oficio tradicional galego. Un intercambio cultural no que o mestre ofrece ao emigrante non só as claves do seu oficio, senón tamén unha mostra das raíces galegas. O inmigrante, a cambio, aporta súa perspectiva sobre Galicia e sobre os galegos,  as peripecias para chegar ata a nosa Comunidade e para integrarse nela, así como os recordos do seu país de orixe, os parecidos con Galicia e tamén as diferenzas. 

Unha idea xurdida nas aulas

A idea orixinaria de Made in Galicia xurdiu  nas aulas do Máster de Produción e Xestión Audiovisual de La Voz de Galicia – Universidade da Coruña. Posteriormente o equipo de desenvolvemento de Voz Audiovisual foi perfilando o proxecto da nova serie que acaparou o interese da Televisión de Galicia e que está sendo estudado tamén por outras emisoras de televisión autonómicas.

Trátase dun programa gravado totalmente en exteriores. En cada entrega de Made in Galicia, mestre e aprendiz son os únicos protagonistas. Unha serie de pezas animadas e un elaborado traballo de infografía e efectos visuais fan, ademais, que o resultado sexa sumamente didáctico e con grandes doses de humor.  

Dende todos os puntos do mundo

Entre os artesáns que pasarán polo programa atópase un zoqueiro, unha redeira, unha mariscadora, un ferreiro, un canteiro, un luthier, unha tecerana, un cesteiro, un selleiro, un oleiro, un afiador, un telleiro e un muiñeiro. Do outro lado, dispostos a aprender os oficios máis tradicionais da nosa terra: un romanés, unha caboverdiana, unha canadense, un bielorruso, un marroquí, un senegalés, unha xaponesa, unha húngara, unha israelí, unha uruguaia, un venezolano, un brasileiro e un indio. Todos eles residentes en Galicia e con vidas moi diferentes e igual de interesantes. 

Made in Galicia chega á  pequena pantalla coa colaboración da Obra Social Caixa Galicia, a Secretaría Xeral de Emigración, o Ministerio de Traballo e Inmigración e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Nesta primeira entrega coñeceremos a Lupe, unha redeira de Foz, que compartirá seu bo facer con Antonia, una caboverdiana residente en Burela.

Categoría: Noticias
Etiquetas: