«LA CLASE» ABRE O CICLO DO CGAI SOBRE AS MIGRACIÓNS EN ESPAÑA

17 / 09 / 2009

O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza mañá xoves día 17 de setembro ás 20.30 horas coa proxección de LA CLASE, de Laurent Cantet o ciclo dedicado as relación sobre cine e migración baixo o titulo “VI CONGRESO SOBRE AS MIGRACIÓNS EN ESPAÑA”. Froito dunha colaboración coa Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña e a propia Aula de Cinema e Imaxe desta universidade, o ciclo composto por 5 sesións e os correspondentes titulos, será presentado por distintos expertos dos ámbitos sociolóxico e cinematográfico. A entrada a todas as sesións é gratuíta.


Xoves 17 (20.30 horas)
ENTRE LES MURS / LA CLASE
Inauguración ciclo e
presentación coa presenza do catedrático de Filosofía do Dereito e Filosofía Política da Universitat de Valencia F. Javier de Lucas Martín e o crítico cinematográfico Martin Pawley.     
(Francia, 2008)
Dirección: Laurent Cantet. Guión: Laurent Cantet, François Bégaudeau e Robin Campillo. Produción: Haut et Court. Fotografía: Pierre Milon. Intérpretes: François Bégaudeau, Nassim Amrabt. Duración: 120 minutos.
Un instituto nun barrio conflitivo na periferia de París. François e os demais profesores chegan das súas vacacións con enerxía e compromiso. A cantidade de retos nun lugar desfavorecido (multiculturalismo, absentismo, marxinalidade) cheo de emigrantes de primeira ou segunda xeración e o estrito sentido da ética de François conducen a un curso ben intenso. Palma de Ouro en Cannes, nomeamento ao Óscar para un título que adapta o libro “Entre les murs” de François Bégaudeau, á súa vez protagonista da película de Cantet (Recursos humanos; El empleo del tiempo).         
 
Venres 18 (20.30 horas)
LA FORTERESSE / [A FORTALEZA]    
Presentación coa presenza de Kàtia Lurbe i Puerto, investigadora posdoutoral do ESOMI e o IRIS (EHESS-CNRS-INSERM-Université Paris XIII).
(Suíza, 2008)
Dirección: Fernand Melgar. Produción: Climage Audiovisuel. Fotografía: Camille Cottagnoud. Duración: 100 minutos.
Unha visita a un centro de recepción de solicitantes de asilo político en Suíza. Douscentos homes, mulleres e nenos esperan o veredicto das autoridades do país coa política máis restritiva de Europa ao respecto. As relacións que se establecen entre os solicitantes e os funcionarios camiñan entre a empatía e a desconfianza. Só o 1% obtén o estatuto de refuxiado. Para o resto, un permiso provisional de residencia ou 24 horas para abandonar o país. Sesenta días –o tempo en que se debe dirimir o proceso- entre os muros da fortaleza.     

Venres 18 (23.00 horas)
MULLERES DA RAIA  
Presentación a cargo da súa autora e o profesor titular de Historia Política e Social Contemporánea na Universidade da Coruña, José María Cardesín   
(España, 2009)
Dirección, guión, fotografía e produción: Diana Gonçalves. Duración: 42 minutos.
Unha viaxe ás fronteiras do norte de Portugal e Galicia transpórtanos ao noso pasado máis recente, o contrabando local e a emigración clandestina eran prácticas habituais nestas terras, aproveitando a proximidade do país veciño. A raia, como popularmente é coñecida a fronteira, garda unha historia de loita diaria pola supervivencia e as súas mulleres son testemuñas.
 
Sábado 19 (18.00 horas)
ALAMBRISTA! / ALAMBRISTA
Presentación a cargo do Director de Departamentos de Estudios Sociales do COLEF (Colegio de la Frontera Norte, Tijuana, México) Rafael Alarcón e David Castro de Paz, responsable da Aula de Cinema e Imaxe da Universidade da Coruña
(Estados Unidos, 1977)
Dirección e guión: Robert M. Young. Produción: Michael Hausman e Irwin Young Filmhaus. Fotografía: Tom Hurwitz e Robert M. Young. Intérpretes: Domingo Ambriz, Trinidad Silva. Duración: 110 minutos.
O nacemento doutro fillo leva ao mozo mexicano Roberto a deixar a súa familia para ir aos Estados Unidos en busca de traballo. Roberto obtén emprego, pero en condicións de auténtica explotación. Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián de 1978.

Sábado 19 (20.30 horas)
IMPORT/ EXPORT
Presentación a cargo do Catedrático de Socioloxía da Universidade da Coruña Antonio Izquierdo    
(Austria, 2007)
Dirección: Ulrich Seidl. Guión: Ulrich Seidl e Veronika Franz. Produción: Ulrich Seidl Filmproduktion GmbH. Fotografía: Ed Lachman e Wolfgang Thaler. Intérpretes: Ekateryna Rak, Paul Hofmann. Duración: 135 minutos.
Olga, unha enfermeira cansa de vivir cos cartos contados, deixa atrás Ucraína e viaxa a Europa occidental na procura dunha vida mellor. Esa vida mellor será en Viena como limpadora e como modelo porno en internet. Paul xa está en Occidente, é austríaco e vive en Viena, garda xurado en paro. Farto de sabrazos, débedas e chapuzas varias, Paul dedide emigrar ao leste e remata en Ucraína como transportista e reparador de máquinas comecartos. Pero séguenlle faltando motivos para erguerse polas mañás. Retratista da sociedade máis turbia, Seidl é autor da memorable Models (1998).     

Categoría: Noticias
Etiquetas: