“FAMILIA DE IDIOTAS NO TIENE TDT” TRANSMUTARÁ EN PROTAGONISTAS DE PELÍCULA AOS ESPECTADORES QUE ACUDAN MAÑÁ Á SALA PALEXCO

15 / 10 / 2009

Deconstrucine, aberta ao público en xeral, é unha experiencia colectiva que altera e mestura os papeis tradicionais da proxección audiovisual.

¿Espectador? ¿Protagonista? ¿Actor secundario? ¿Guionista? ¿Pantalla de proxección?… Todos os papeis do reparto e dunha soa vez. Outonarte 09 dedicaralle a xornada de mañá mércores ao “Deconstrucine”. Así, o público que se achegue mañá, día 14, pola sala Palexco ás sete da tarde, poderá participar no ’happening’ que desenvolverá o grupo Familia de Idiotas no tiene TDT. Trátase dunha performance interactiva que establece un diálogo entre os dous cinemas, o analóxico e mais o dixital, convertendo “ao individuo en receptor e tamén en parte da mensaxe”. “O público –explica Ángel Rueda, un dos integrantes de Familia de Idiotas no tiene TDT xunto con Ana Domínguez e Miguel Mariño- deixa de ser simple espectador e faise un elemento máis da película. Non vén ao cine para sentar, calar e mirar a pantalla, senón para interactuar e ser parte da filmación e do filme”.


O obxectivo non é outro que conseguir a participación activa do espectador como xerador dunha nova linguaxe cinematográfica na que convivan o xeito tradicional de facer cine e as novas tecnoloxías, indica Rueda. Para iso neste xogo colectivo que é “Deconstrucine” Familia de Idiotas no tiene TDT “altera a esencia de todos os elementos do cinema e fai que o espectador sexa observado, até se converter nun soporte, nun elemento vivo da proxección”. Desta maneira, a película sucede en tempo real dentro e fóra da pantalla, que deixa de ser plana para ser poboada polo espectador. Non en balde o seu corpo converterase mesmo en pantalla, pois será a súa figura o soporte que reciba as imaxes botadas desde varios proxectores. Esas instantáneas son tamén capturadas en vídeo e proxectadas sobre a pantalla real, xerando así unha nova película que se transforma deseguido pola acción dos participantes. Os que se manteñan fóra de “Deconstrucine” tampouco non serán alleos á experiencia, xa que a proxección será visible por ambos os dous lados da pantalla. 


Ángel Rueda, creador audiovisual e fotógrafo, é membro fundador da produtora cinematográfica “LILI FILMS”, onde se dedicou a rescatar arquivos cinematográficos. Entre eles destaca a recuperación de “A Estada”, película rodada na Coruña en 1958 e que permanecía agochada. Coa metraxe atopada (‘found footage’) realizou máis de vinte pezas de montaxe e creación onde experimentou sobre a representación do cinema en vivo ou ‘Live Cinema’. Ana Domínguez leva máis dunha década relacionada co mundo do audiovisual, tanto en cinema como en televisión. Desde 2007 dedícase á producción independente. Entre os seus últimos traballos están o documental “50 anos na estada”, “Autorretrato” ou “O ceo do Súper 8”. Miguel Mariño é director de desenvolvemento de proxectos en diferentes produtoras, labor que compaxina coa escritura de guións e a realización de pezas audiovisuais. Por citar algunhas, a curtametraxe “Nemo” (Premio Mestre Mateo 2008 á Mellor Obra Experimental), “3 Mares” ou “Alcaian, o primeiro partido”.

 

Etiquetas: