PREMIOS EGANET’09. ÚLTIMA SEMANA DE PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS

19 / 11 / 2009

O vindeiro luns, 23 de novembro (24,00 hrs.), finaliza o prazo de presentación de proxectos aos Premios EGANET’09, convocados pola Asociación de Empresas galegas adicadas as Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) e aos que poden concorrer todas as entidades, profesionais e empresas galegas ou con especial relación con Galicia que desenvolvan produtos e/ou servizos TIC.

Hai nove categorías nas que pode inscribir a súa candidatura ou candidaturas: E-Emprendedores;  Cultura Dixital; Software Libre; Tecnoloxía Accesible; Comunicación Web; Publicidade Online; E-Comerce; Mellor Aplicación Online e, como novidade da presente edición, Mellor Ambiente Laboral.

Un xurado externo a EGANET e formado por expertos en cada categoría elixirá unha lista con catro finalistas por categoría e darase a coñecer o gañador de cada unha delas na gala de entrega dos galardóns, que se celebrará o vindeiro 16 de decembro, en Santiago de Compostela.Nas cinco edicións dos Premios EGANET lévanse presentado máis de 600 proxectos cunha participación de arredor de 500 empresas galegas que foron recoñecidas e presentadas na gala de entrega ante máis de 200 asistentes.

A formalización das candidaturas pode efectuarse a través da web www.premioseganet.com, nos apartados das distintas categorías; ou ben cubrindo o formulario descargable dende a mesma web (apartado “Bases”) e enviándoo ao enderezo electrónico candidaturas@premioseganet.com ou remitíndoo por correo postal ao enderezo Rúa Pérez Constanti nº12-1º de Santiago de Compostela.

Dende Eganet animámolo a presentar a candidatura ou candidaturas que estime oportuno, segundo as bases que rexen esta edición.  Pode obter máis información, consultar as bases completas do premio e presentar os seus proxectos na web www.premioseganet.com.

Categoría: Noticias
Etiquetas: