ESTREA DA CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN “NOUTURNIO DE CELANOVA” BASEADA NO POEMA DO POETA CELANOVÉS CURROS ENRÍQUEZ

15 / 12 / 2009

O próximo domingo 27 de decembro de 2009, ás 19:00 horas, terá lugar no Salón de Actos do Concello de Celanova a estrea da curtametraxe “Nouturnio de Celanova” que adapta á animación 3D un dos poemas máis recoñecidos do poeta Curros Enríquez, “Nouturnio”, publicado no libro Aires da miña terra. O proxecto recibiu unha axuda da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e conta co apoio da Fundación Curros Enríquez e do Concello de Celanova.

A historia da curta, acontecida fai máis de cen anos, é un reflexo da situación de crise actual. Un vello, afogado pola mala situación económica e as desgrazas persoais, ten que abandonar o seu fogar e ir polo mundo a pedir. O protagonista, cun aspecto que lembra ao propio Curros Enríquez, percorre Celanova e a súa comarca, en busca dun apoio que só atopa nun pequeno sapo que canta no camiño.

Os decorados da curta, creados tridimensionalmente, representan os lugares máis recoñecidos da vila ourensá: a Praza Maior, o Mosteiro de San Salvador, a Ponte Freixo e a mesma casa natal de Curros Enríquez. Ao longo do proceso de modelado da curtametraxe, os seguidores participaron activamente expresando as súas opinións e votos a través da rede social Facebook, converténdose deste xeito en co-deseñadores dos decorados e personaxes.

Por outra banda, no que respecta á banda sonora, o tema principal da curtametraxe é o propio poema “Nouturnio” musicado por Luis Emilio Batallán no disco Ahí ven o maio.gmail.com

Categoría: Noticias
Etiquetas: