O alumnado do segundo curso do Ciclo Superior de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos, do CIFP A Farixa, presenta en sociedade as curtametraxes “Zéfiro” e “Instalación”, rodadas integramente en Ourense o pasado ano. A presentación destas pezas audiovisuais é froito, segundo indican os responsables do Ciclo, da aplicación dos coñecementos teóricos adquiridos polo alumnado a producións reais, tanto cinematográficas como de espectáculos.
A estrea oficial das dúas pezas, producidas por Canle Catro Producións, a ferramenta habilitada polo centro para levar a cabo este tipo de traballos, levarase a cabo en dous actos. O primeiro deles terá lugar mañá, xoves, 21 de xaneiro, ás 11:30 horas, no Centro Cultural da Deputación, e contará coa asistencia de responsables e técnicos de Cultura das distintas institucións ourensás, así como de directores e orientadores laborais dos centros educativos da cidade e de boa parte do equipo técnico que traballou nas dúas producións.
O segundo acto celebrarase o venres, 22 de xaneiro, ás 22:00 horas, no Auditorio Municipal e enmárcase dentro dun espectáculo aberto a todo o público que, baixo o título, IMOS DE CURTAS, integrará o cine, as actuacións musicais e o humor. Presentado polo actor, Alberte Cabarcos, a gala servirá para proxectar outros traballos realizados polos estudantes deste Ciclo e para reunir os profesionais do sector audiovisual que colaboraron na materialización das obras presentadas. Así mesmo, contará coa actuación do artista punk-rock ourensán, Yomelomontosolo, e a entrada será totalmente de balde.
NOTA: Para máis información, pódese consultar a páxina web de Canle Catro Producións (www.farixaaudiovisual.es). Para a xestión de entrevistas cos responsables das producións, os teléfonos de contacto son 630 753448 (Tomás Lijó, profesor de Produción de Cinema e Vídeo), Raquel Pardo 650033819, e David González 666260216, (alumnos e membros do equipo de produción das curtas).
PREVISIÓNS INFORMATIVAS DO CIFP A FARIXA (OURENSE) PARA ESTA SEMANA
Xoves, 21 de xaneiro de 2010
11:30 horas.- O director do CIFP A Farixa, Miguel Reza, presenta as curtametraxes “Zéfiro” e “Instalación”, producidas polo alumnado do Ciclo de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos, e rodadas integramente Ourense o ano pasado. No acto tamén intervirá o director dunha das obras, o coruñés Jose Díaz, e dous dos estudantes que formaron parte dos equipos de produción, Raquel Pardo e David González. Lugar: Centro Cultural da Deputación Provincial.
Venres, 22 de xaneiro de 2010
22:00 horas.- O actor, Alberte Cabarcos, conduce a gala de estrea das curtametraxes producidas polo alumnado do Ciclo de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos da Farixa. O espectáculo, de entrada libre, contará coa actuación do artista punk-rock ourensán, Yomelomontosolo e a entrada será libre. Lugar: Auditorio Municipal de Ourense.