O CGAI PRESENTA UN LIBRO SOBRE O CINEASTA E REALIZADOR RAMÓN BARREIRO

28 / 01 / 2010

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI, Durán Loriga, 10 baixo, A Coruña ) presenta mañá venres día 29 de xaneiro (20.30 horas) a última publicación do CGAI, Ramón Barreiro. Humor, parodia e modernidade, editada polos profesores José Luis Castro de Paz e Xaime Fandiño, coa proxección engadida da primeira película dirixida por Barreiro, El sobrino de Don Búfalo Bill (1944).  O libro será presentado por José Luis Castro de Paz. A entrada é gratuíta.

Ramón Barreiro (1906-1981), singular fotógrafo, novelista, poeta, xornalista, home de radio, cineasta e realizador de TVE, é firmante de varios, en verbas de Castro de Paz, “excéntricos, anarquizantes e informais” filmes na década dos 40 do século pasado. Xunto á película proxectada, El otro Fu-Man-Chú (1946), El pirata Bocanegra (1946-49), Póker de Ases (1947) e Pototo, Boliche y compañía (1948) conforman unha sucesión de comedias autorreflexivas, parodias metanarrativas que subvirten varios dos xéneros clásicos, exemplares únicos do humor do absurdo e do cultivo do anacronismo intelixente, vías todas extremadamente inusuais no cinema español e universal.     

O libro Ramón Barreiro. Humor, parodia e modernidade (2009), en edición bilingüe galego-castelán, aparece editado polo CGAI (conta coa colaboración da AEHC, Asociación Española de Historiadores del Cine) e os profesores universitarios José Luis Castro de Paz (catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela) e Xaime Fandiño (profesor titular) son os editores e coordinadores de contidos. O artigo principal, escrito por Castro de Paz, glosa a vida e a relación cinematográfica de Ramón Barreiro (1906-1981), nado en Castronuño (Valladolid), pero fillo de galego e criado en Pontevedra.

A experiencia televisiva (en TVE) como director de programas nos anos 60 e primeiros 70 está escrita por Rubén García-Loureda Díaz. A fotografía e a pùblicidade son abordadas de maneira sucinta por Jorge Lens. José Manuel Sande achégase á vertente literaria, xa que Barreiro foi autor dunha obra literaria breve, premeditadamente humorística, singular desde a súa mesma construcción. Barreiro elaborou un corpus literario tan descoñecido como ausente en todas as bibliografías. Barreiro publica dous libros de relatos (METRALLA BLANCA DEL MADRID ROJO, 1939, e NOSOTROS LOS HOMBRES, 1943) e unha sorte de novela (EL NUEVO PECADO DE ADÁN Y EVA, 1965) que facilitan a creación de narracións múltiples que integran non só distintos relatos e as veces niveis narrativos, senón tamén rasgos ou apuntes de estilo notables, entre os que convén destacar a súa perspicacia observacional, condimentada por retratos e descripcións costumistas rigurosas, así como estratexias ou xogos metanarrativos, que enlazan de modo coherente cos compoñentes máis destacados das súas narracións fílmicas.
 
EL SOBRINO DE DON BÚFALO BILL    
(España, 1944)
Dirección: Ramón Barreiro. Guión: Ramón Barreiro e Francisco Mora, sobre un argumento de Ramón Barreiro. Produción: Trébol Films S.A. Fotografía: Francisco Izzarelli. Intérpretes: Carlos Muñoz, José Jaspe, Rosita Yarza. Duración: 87 minutos.
Castor Bill, sobriño do mítico Buffalo Bill, traballa nun banco e quere casar coa filla do director, Mariana. O temido bandido Barbacastaña atemoriza o lugar. Castor, coñecedor da recompensa (15.000 dólares) que ofrecen pola súa captura, decídese a perseguilo. Subtitulada “Película informal do Oeste”. O primeiro western zarzueleiro da Historia é a ópera prima do seu director, un híbrido lúcido de elementos que non elude alusións á realidade cotiá da posguerra española. 

Categoría: Noticias
Etiquetas: