Cento vinte e cinco anos despois da súa morte, a figura de Rosalía continúa sendo o centro de interese de investigadores e a súa obra segue a estar vixente. Este certame de curtametraxes ten como obxectivo achegar, para mostralo ao público actual, calquera aspecto da vida ou da obra de Rosalía de Castro.
O Certame de curtametraxes “Curtas para Rosalía” é un evento organizado e xestionado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (www.as-pg.com). O Xurado estará formado por persoas relevantes do mundo da cultura galega e do audiovisual.
O motivo central destas curtas é a figura de Rosalía de Castro. Polo tanto, aquelas persoas que queiran presentar obras a este certame deberán ter en conta esta temática xeral.
A organización do certame “Curtas para Rosalía” establece dous premios. O primeiro é de 2.000 euros para a mellor curtametraxe. O segundo, ás obras cuxos realizadores/as ou directores/as sexan menores de 30 anos, será de 1.000 euros. Farase entrega dos premios, acompañados dun diploma, na Gala de Clausura. As datas e o lugar da entrega de premios serán publicados pola Organización na web da as-pg.
Pode atoparse máis información referida a esta convocatoria no enlace: http://bitaculas.as-pg.com/literaria/category/Curtas+para+Rosal%C3%ADa