A Gala dos Premios Mestre Mateo, que se celebrará o vindeiro 15 de abril no Pazo da Cultura do Concello de Narón, buscará arrincar o sorriso do público reinterpretando a actualidade galega en clave de humor e xogando coa comicidade e a emoción ao redor dos propios traballos finalistas. Así o anunciou esta mañá o Presidente da Academia Galega do Audiovisual, Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ na rolda de prensa que tivo lugar en Arteria Noroeste, en Santiago de Compostela. Pico explicou os detalles da celebración da gala en presencia de Alfonso Cabaleiro, Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, e outros representantes das entidades patrocinadoras.
O espectáculo terá aos televisivos Xosé Antón Touriñán e Xosé Ramón Gayoso como presentadores, e contarán coa axuda de artistas como Federico Pérez, Marcos Pereiro, Patricia Vázquez, Víctor Fábregas, Belén Regueira, Sonia Castelo e Luis Iglesia, entre outros, para as entregas dos galardóns. Tony Lomba & Elio dos Santos levarán a cabo unha actuación musical na que interpretarán un tema composto especialmente para a ocasión.
Tania Rodríguez, produtora executiva da Gala e vogal da xunta directiva da AGA, explicou que dende o equipo do espectáculo que dirixe Andrés Mahía -coautor do guión con Xosé Castro “Pato”-, traballan para presentar unha cerimonia de premios divertida e rápida, que traslade a acción máis aló do escenario e envolva ao público, aproveitando as boas condicións que ofrece o Pazo da Cultura de Narón. Rodríguez engadiu que neste acontecemento do noso audiovisual, que cada ano congrega a personalidades da cultura, a política, a economía e en xeral da sociedade galega, aproveitarase a ocasión para render homenaxe sincero á TVG no ano que celebran as súas vodas de prata. Como en edicións anteriores, a canle autonómica retransmitirá a Gala en prime-time.
Na rolda de prensa, o Presidente da Academia desvelou o nome do profesional que este ano recibirá o Premio de Honra Fernando Rey, creado para recoñecer as traxectorias máis destacadas no ámbito audiovisual galego. Así, nesta edición a homenaxe será para o recoñecido director de fotografía e realizador Enrique Banet. Titulado pola Escola Oficial de Cinematografía, Enrique Banet foi o responsable de programas televisivos como ‘Viva o Domingo’ ou ‘Terra’. Ademais da súa formación como director de fotografía, Banet sempre estivo moi implicado coa ciencia, o medio ambiente e a realidade social; intereses que o levaron a ser finalista nos premios ‘The Princes Award’ polo seu labor no programa Senda Verde, emitido pola TVG.
A Gala dos Premios Mestre Mateo 2009 ten como patrocinadores á Secretaría Xeral de Medios e á Consellería de Cultura e Turismo (Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura) da Xunta de Galicia, á Deputación da Coruña, ao Concello de Narón, ao Padroado de Cultura de Narón, ao Pazo da Cultura de Narón e á TVG. Así mesmo, colaboran AISGE (Artistas Intérpretes Sociedad de Gestión), SGAE (Sociedad General de Autores y Editores) e Gadisa.
Actividades de promoción dos PMM previas á Gala
Xunto coa Gala, presentáronse as dúas actividades orientadas á promoción dos traballos finalistas dos PMM: a cuarta edición da Semana do Audiovisual Galego e os Encontros Mestre Mateo, que se celebran por segundo ano consecutivo.
• Semana do Audiovisual Galego
A Semana do Audiovisual Galego, ideada para difundir por toda a xeografía galega os principais traballos nominados cada ano, desenvolverá o seu programa de proxeccións nun total de 30 salas das catro provincias galegas, dende o luns 5 ao sábado 11 de abril. As localidades que nesta ocasión visita o circuíto son: Santiago de Compostela, Arteixo, Verín, Betanzos, Ourense, Melide, Lalín, Cariño, Monforte de Lemos, Arteixo, Valga, Redondela, Chantada, Teo, Neda, Valdoviño, Castrelo de Miño, Carral, Celanova, Ribadabia, Ares, Negreira, Lugo, O Rosal, A Fonsagrada, Meis, San Sadurniño e Xinzo de Limia.
Esta actividade está patrocinada pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Medios, a Consellería de Cultura e Turismo (Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura) e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Conta coa colaboración de Cinemas Dixitais.
• Encontros Mestre Mateo
Este ano celebraranse un total de oito mesas redondas -do 6 ao 8 de abril- nas que os profesionais da industria audiovisual achegarán aos alumnos das escolas vinculadas a este sector as súas experiencias directas. En coordinación cos xefes de estudos dos centros, a AGA fixo un traballo previo de documentación e entrega de materiais de traballo empregados polos autores das obras (escaletas, guións, etc) e as charlas estarán apoiadas de material de proxección. Cada mesa está deseñada cun formato altamente participativo, onde principalmente se tiveron en conta os intereses dos alumnos, co obxectivo de os orientar nas súas dúbidas e inquedanzas.
A actividade conta tamén co patrocinio da AGADIC, da Secretaría Xeral de Medios e da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Xunta de Galicia, e terá lugar nas sedes dos centros colaboradores: Fundación TIC de Lugo, O Raio Verde de Santiago de Compostela, IES Farixa en Ourense e IES Escola de Imaxe e Son da Coruña.
Pódense consultar os programas destas actividades premendo nos seguintes links:
Programa Encontros Mestre Mateo
Programa Semana do Audiovisual Galego