O FILME FRANCÉS ‘SÉRAPHINE’ PECHA O CICLO ‘4 MIRADAS DE MULLER’ DE OURENSE

28 / 04 / 2010

O Festival de Cine de Ourense (Ouff) pecha este xoves o ciclo ‘4 Miradas de Muller‘ coa proxección de Séraphine, unha película dirixida por Martin Provost que vén avalada por ata sete premios César (á mellor película, mellor actriz, mellor guión, mellor música orixinal, mellor fotografía, mellor dirección artística e mellor vestiario) da Academia Francesa do Cine.

Así, destaca a boa resposta do público no que vai de ciclo, cunha entrada media de dous terzos do aforo e unha boa participación nos debates posteriores á proxección, así como lembrar a gratuidade do evento grazas ao patrocinio da Concellería de Igualdade do Concello de Ourense.

Séraphine

Francia, 2008 | 125 min.


Dirección: Martin Provost
Guión: Martin Provost, Marc Abdelnour
Montaxe: Ludo Troch
Fotografía: Laurent Brunet


Intérpretes: Yolande Moreau, Ülrich Tükur, Anne Bennet Sinopse: Séraphine Louis, de 42 anos, vive en Senlis e gaña a vida limpando casas. O pouco tempo que lle sobra ocúpao pintando. É a muller da limpeza da Sra. Duphot, que lle aluga un piso a Wilhelm Uhde, un marchante alemán fascinado polos pintores modernos e naïf. Durante unha cea ofrecida pola Sra. Duphot, Wilhelm descobre un pequeno cadro que pintara Séraphine uns días antes. Prendado del, mércao e convence a Séraphine para que lle ensine outras obras súas.
Durante os anos seguintes, Séraphine pinta os seus cadros máis inspirados e vende moito, pero cae na loucura.

 

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: