CICLO DE CINE DEDICADO AO AUTOR ASIÁTICO VIMUKTHI JAYASUNDARA NO CGAI

5 / 05 / 2010

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) comeza mañá xoves día 6 de maio (20.30 horas) o ciclo ou pequeno foco dedicado a un novo autor asiático, Vimukthi Jayasundara (Sri Lanka, 1977) coa proxección de THE FORSAKEN LAND (2005), gañadora da Cámara de Ouro en Cannes.

Jayasundara estudou no Institute for Film and televisión de Pune na India e foi crítico cinematográfico antes de realizar un par de longametraxes que chamaron a atención da crítica e os grandes festivais mundiais. En 2001 dirixe o documental The land of silence, que xa participa en certames como Marsella, Róterdan ou Berlín. Logo da curta Empty of love (2002), dirixe The forsaken land (2005). Presente en Venecia, Toronto ou Xixón, a misteriosa e evocadora Between two worlds (2009) é a súa segunda longametraxe. Todos os seus traballos serán proxectados no ciclo do CGAI.     

 
Xoves día 6 de maio (20.30 horas)
SULANGA ENU PINISA / THE FORSAKEN LAND / A TERRA ABANDONADA  
(Francia-Sri Lanka, 2005)
Dirección e guión: Vimukhti Jayasundara. Produción: Arte France Cinéma, Les Films de l´Étranger, Onoma, Le Fresnoy (Francia) e Film Council Productions (Sri Lanka). Fotografía: Channa Deshapriya. Intérpretes: Mahendra Perera, Kaushalya Fernando. Duración: 108 minutos.
Un home, a súa esposa e a súa irmá comparten casa e cohabitan con moitas dificultades. Ao seu redor hai unha cativa, un home vello e algúns soldados que patrullan incesantemente sen aparente razón. Jayasundara dáse a coñecer en Cannes (gaña a Cámara de Ouro) coa mestura de interese pola Historia, subversión da realidade e enigma que desenvolverá logo en Between two worlds.   

Venres 7 de maio (18.00 horas)
THE LAND OF SILENCE   

(Sri Lanka, 2001)
Dirección: Vimukhti Jayasundara. Produción: Film Council Productions. Duración: 30 minutos.
Documental sobre as vítimas da guerra civil no seu país, Sri Lanka.

VIDE POUR L´AMOUR / EMPTY OF LOVE      
(Francia-Sri Lanka, 2002)
Dirección e guión: Vimukhti Jayasundara. Produción: Le Fresnoy. Fotografía: Channa Deshapriya. Intérpretes: Julie Durand, Nadee Kammellaweera. Duración: 28 minutos.
Unha curtametraxe que pasou por mais de cincuenta festivais de todo o mundo. A guerra civil en Sri Lanka e dous mozos que en Francia queren rachar coa súa monotonía.

Xoves 13 de maio (20.30 horas)
AHASIN WETEI / BETWEEN TWO WORLDS / ENTRE DOUS MUNDOS
    
(Sri Lanka-Francia, 2009)
Dirección e guión: Vimukhti Jayasundara. Produción: Les Films Hatari (Francia). Fotografía: Channa Deshapriya. Intérpretes: Thusitha Laknath, Kaushalya Fernando. Duración: 86 minutos.
Un home cae do ceo á auga. Chega a terra e unha vez salvado comeza a atoparse con situacións e personaxes dispares, nun ciclo aparentemente azaroso. O seu percorrido pasa pola violencia dunha cidade apocalíptica, que parece vaticinar un nefasto destino a un país inmerso nunha inacabable guerra civil. Tamén vai recalar no lado máis mitolóxico dese mundo, no exotismo da xungla e as súas lendas populares. Un enigma lanzado aos espectadores, orquestrado en imaxes abraiantes, surrealistas e insólitas.   

Categoría: Noticias
Etiquetas: