MAÑÁ REMATA O CICLO DE JAYASUNDARA NO CGAI

12 / 05 / 2010

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) pecha mañá xoves día 13 de maio ás 20.30 horas o ciclo ou pequeno foco dedicado a un novo autor asiático, Vimukthi Jayasundara (Sri Lanka, 1977) coa proxección de Between two worlds (2009).

Jayasundara estudou no Institute for Film and televisión de Pune na India e foi crítico cinematográfico antes de realizar un par de longametraxes que chamaron a atención da crítica e os grandes festivais mundiais. En 2001 dirixe o documental The land of silence, que xa participa en certames como Marsella, Róterdan ou Berlín. Logo da curta Empty of love (2002), dirixe The forsaken land (2005). Presente en Venecia, Toronto ou Xixón, a misteriosa e evocadora Between two worlds (2009) é a súa segunda longametraxe. Todos os seus traballos foron proxectados neste ciclo do CGAI.     

BETWEEN TWO WORLDS / ENTRE DOUS MUNDOS     

Un home cae do ceo á auga. Chega a terra e unha vez salvado comeza a atoparse con situacións e personaxes dispares, nun ciclo aparentemente azaroso. O seu percorrido pasa pola violencia dunha cidade apocalíptica, que parece vaticinar un nefasto destino a un país inmerso nunha inacabable guerra civil. Tamén vai recalar no lado máis mitolóxico dese mundo, no exotismo da xungla e as súas lendas populares. Un enigma lanzado aos espectadores, orquestrado en imaxes abraiantes, surrealistas e insólitas.

Categoría: Noticias
Etiquetas: