MAÑÁ COMEZA A EDICIÓN DO FESTIVAL DE CANS CON MÁIS NOVIDADES DA HISTORIA

18 / 05 / 2010

Mañá mércores arranca no Porriño o VII Festival de Cans, catro días repletos de sorpresas, de diversión e de agroglamour. A edición na que, por primeira vez na súa historia o Festival contará cun xurado composto exclusivamente por veciños da parroquia, comeza cun Serán dos Veciños no que, ademáis de presentar aos membros do xurado, se proxectará un avance do Making of da pasada edición, que conta coa actuación estelar de Silvino, Pepe Puime, e Mucha Fortes, tres veciños de Cans metidos a investigadores nesta divertida peza.

Tamén se proxectará a curta documental Cans do futuro, de Juanma Lodo, na que varios nenos da parroquia dan a súa peculiar visión do que siginica para eles o Festival e haberá, como sempre, actuación musical. Este ano, ademais de gozar coa actuación das pandereteiras de Cans e de Anxo e a súa banda, asistiremos ao debú das Feiticeiras, un novo grupo de pandereteiras formado recentemente en Cans, e haberá máis sorpresas musicais. A cita é a partir das nove da noite no Baixo do Moncho. Antes, a iso das 20h, na rotonda de Adroza, inaugurase o monumento do Festival donado pola familia Godoy Maceira e, pola tarde, haberá proxección de curtametraxes para público infantil na Biblioteca Municipal.

O primeiro xurado dos veciños, que se presenta mañá en Cans, estará composto por Divina Campos (Divina do Castillo), a voceira, vendedora ambulante retirada, pandereteira e afeccionada á pintura, unha das mulleres máis activas da parroquia; Manuel Lorenzo (Manuel da Taberna), carpinteiro, emigrante en Alemaña e xubilado da empresa de cociñas Xoane; Carmen Rodríguez (Carme da Carreira), vendedora ambulante retirada e asidua das proxeccións do Jalpón Friki; Telmo Pereiro, extraballador de Zeltia e membro activo do grupo de pandereteiras e pandereteiros de Cans; e Pedro Rodríguez Quintas (Pedro de Placer), o máis novo do grupo, especialista en facer muros de pedra e canastros de xeito artesanal, coma os vellos canteiros. Veciños e veciñas de diferentes idades, de diferentes lugares e con diferentes oficios que gozarán o Festival desde unha nova perspectiva e elixirán a mellor curta de ficción, que recibirá o “Premio dos Veciños”, sen dotación económica pero cun valor incalculable.

A organización do Festival de Cans artellou este ano, por vez primeira, un servizo gratuíto de buses que sairán cada 15/20 minutos da Cafetería Maroma e do Instituto Pino Manso, de O Porriño, cara a Cans. O percorrido é de ida e volta e os horarios serán o venres desde as 20 h ata as 3.30 h e o sábado, de 15 h a 19 h e de 21 a 4 h. Tamén se habilitou unha nova zona de aparcamento en Cans con capacidade para 200 vehículos.

Ademais do servizo gratuíto do Festival, a Empresa Ojea informa de que tanto o venres como o sábado haberá ao longo de todo o día varios buses desde Cans cara ao Porriño-Vigo e cara a Ponteareas. Máis información: http://www.empresaojea.com/

Programa do mércores 19 de maio

18.30h Biblioteca Municipal (O Porriño). Cans para os pequenos. Proxección de curtametraxes para público infantil. Lelo e as estacións (2010), O soldadiño de chumbo (2009), A flor máis grande do mundo (2007) e O señor dos mosquis (2006)

20.00h Rotonda de Adroza (Cans) Inauguración do monumento Can de Pedra

21.00h Baixo do Moncho (Cans) Día dos Veciños. Proxección de Cans do futuro, de Juanma Lodo. Presentación do xurado dos veciños. Avance do Making of. Actuación das pandereteiras de Cans e Anxo e a súa banda. Debú de Feiticeiras e actuacións sorpresa.

Categoría: Noticias
Etiquetas: