Por problemas de dispoñibilidade de copia as proxeccións previstas de DRUGSTORE COWBOY e TODO POR UN SUEÑO substituiranse por LAST DAYS e PARANOID PARK.
DRUGSTORE COWBOY e TODO POR UN SUEÑO proxectaranse no mes de xullo.
11 de xuño (18.00 horas) e 12 de xuño (20.30 horas)
LAST DAYS
(Estados Unidos, 2005)
Dirección e guión: Gus Van Sant. Fotografía: Harris Savides. Produción: HBO Films, Meno Film Company, Picturehouse Entertainment e Pie Films Inc. Intérpretes: Michael Pitt, Lukas Haas, Asia Argento, Scott Patrick Green. Duración: 97 minutos.
En medio de paseos, tempos mortos e interrupcións interesadas, asistimos ao que parecen ser as últimas horas dun cantante atormentado, Blake. Logo das experiencias extremas de Gerry e Elephant e inspirado nunha imaxe de Kurt Cobain, o falecido cantante de Nirvana, Gus Van Sant, un cineasta que busca e se mergulla constantemente na elaboración da sintaxe fílmica, ofrece unha nova deconstrución narrativa, un novo e rupturista ensaio no que volve engarzar xuventude e morte.
17 de xuño (20.30 horas) e 18 de xuño (18.00 horas)
PARANOID PARK
(Francia-Estados Unidos, 2007)
Dirección e guión: Gus Van Sant, sobre unha narración de Blake Nelson. Produción: MK2 Productions, Meno Films e CNC. Fotografía: Christopher Doyle e Rain Kathy Li. Intérpretes: Gabe Nevins, Dan Liu, Jake Miller. Duración: 84 minutos.
Alex, un adolescente afeccionado ao monopatín mata accidentalmente a un garda de seguridade nos arredores de Paranoid Park, un parque público de Portland. O mozo decide non comentarlle nada a ninguén. Premio especial en Cannes polo 60 aniversario do festival, estreada entre nós con atraso, é a lóxica prolongación de varias películas anteriores do seu autor, títulos como Gerry (2002), Elephant (2003) ou Last days (2005), outro percorrido fantasmal polas turbulencias do cine moderno e as súas posibilidades. Fermosa e espectral, Van Sant paraliza o tempo e xera imaxes especulares, ao tempo que a súa elaborada banda sonora contén pasaxes musicais mesmo de Nino Rota.