O VII CURSO DE EXTENSIÓN UNIVERSITARIA DE CELANOVA CELEBRASE DO 7 AO 9 DE XULLO

5 / 07 / 2010

Hoxe, luns 5 de xullo ás 12 horas na sede da Deputación Provincial de Ourense tivo lugar a presentación do VII Curso Universitario de Celanova, que levará por título Cine e televisión. Cara e cruz, que terá lugar os días 7, 8 e 9 no mosteiro de San Rosendo (Celanova). Na sétima edición do Curso de Extensión Universitaria de Celanova preténdese reflexionar e debater arredor das sempre conflitivas relacións do cine e a televisión, dende diferentes ángulos ao fío da actualidade.

Simultaneamente, primando a compoñente lúdica co pulso actual do audiovisual galego, e coa colaboración dos seus respectivos autores, haberá ocasión de visionar dúas tvmovies de produción recente para TVG: Reliquias de Toño López, e Volver a casa de Breogán Riveiro. Terán lugar ás 21.45 e 21.30 horas respectivamente no fermoso claustro do mosteiro e a entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo.

O Curso contará coa presenza de máis de 30 conferenciantes, entre os que se atopan, Fernando Navarrete (vicepresidente da Academia de las Ciencias y las Artes de la Televisión), Anna Amorós (profesora de Comunicación Audiovisual da Universidde de Vigo), Luis Deltell (profesor de Comunicación Audiovisual da Universidade Complutense de Madrid), Emma Lustres (productora Vaca Films), Casimiro Torreiro (crítico de cine e profesor na Universidade Carlos III de Madrid), Álvaro Augustín (director general de Telecinco Cinema), Mariana Carballal (actriz e profesora na Escota de Arte Dramática de Vigo) ademáis doutros especialistas e profesionais da televisión e do cine como Carlo Boserman, Paula Cons, Eduardo Lavandeira ou Martiño Rivas.

A matrícula pode formalizarse en calquera rexistro da Universidade de Vigo ou na Vicerreitoría do Campus de Ourense ata día do inicio do curso (en www.vicou.uvigo.es, no teléfono 988.387.300 ou mediante o correo electrónico a vicou@uvigo.es). Os alumnos que se matriculen poderán gozar de transporte gratuíto dende o Campus de Ourense a Celanova, e poderán optar por pernoctar no albergue municipal de Celanova durante o curso grazas á colaboración do concello (988.432.201). Ademáis, a Cátedra Carlos Casares ofrece bolsas de 15€ aos interesados que a soliciten.

Categoría: Noticias
Etiquetas: