O PRESIDENTE DA AGA PIDE AO PARLAMENTO A APROBACIÓN DA NOVA LEI DA CRTVG

9 / 07 / 2010

O Presidente da Academia Galega do Audiovisual, Xosé Manuel Olveira Pico, compareceu esta mañá diante dos membros da Ponencia constituída no Parlamento de Galicia para a reforma do marco legal da CRTVG e das súas sociedades. Pico interveu en nome da AGA e da Coordinadora de Asociacións Profesionais do Audiovisual Galego. Esta última entidade convidou á Academia a participar no proceso da procura da televisión e radio públicas que o propio sector considera máis axeitado para o ben de Galicia e da súa industria audiovisual.

O Presidente da AGA sinalou que o mellor agasallo que a cámara galega pode facer á CRTVG no seu 25 aniversario é a aprobación da nova Lei antes de que remate o presente ano. Ao longo da lectura do documento avalado pola Coordinadora e a Academia, Pico fixo un repaso das principais demandas do sector. Este entende a CRTVG como un motor indispensable do audiovisual galego, o que supón manter o seu carácter público e contar cun  financiamento e orzamento que permitan facer unha televisión de calidade, que contribúa á construción de Galicia como país, apoiando a súa cultura e lingua propias, á vez que debe aspirar a ter unha audiencia maioritaria.

O Presidente da AGA suliñou que a nova lei debe impedir unha futura privatización da CRTVG á vez que debe garantir a súa independencia e profesionalidade. Neste sentido defendeu a elección do Director Xeral por mayoría de dos terzos do Parlamento e co maior consenso posible entre os partidos con representación parlamentaria, así como evitar que os mandatos coincidan cos periodos electorais e que se superen dez anos de permanencia neste cargo. Así mesmo, solicitou que o Director Xeral e os directivos sexan elixidos entre profesionais cunha clara vinculación ao audiovisual galego, condición que fixo extensiva ao Consello de Administración, que a súa vez debería manter reunións periódicas coas asociacións do sector para facer converxer criterios en prol dunha mellor televisión e radio públicas, ao servizo do que demande a sociedade galega, engadiu Pico.

A profesionalización da TVG debería potenciar a existencia dun equipo no departamento de proxectos que avalie dun xeito independente e profesional os traballos que chegan á canle, e unha área de comercialización e marketing que faciliten a entrada das producións galegas no mercado internacional. Neste sentido Pico sinalou que a nova Lei debería xerar vínculos co Consorcio do Audiovisual de Galicia para coordinar os esforzos en materia de promoción.

Outros dos temas abordados foron a conveniencia de que a segunda canle da TVG conte cun presuposto propio e cunha programación específica, de carácter preferentemente cultural, así como a posta en marcha dunha canle temática de programación infantil e outra de informativos. No caso da Radio, o Presidente da AGA avogou por desenvolver unha canle de música clásica e outra de informativos. Así mesmo, pediu transformar a web da CRTVG nunha auténtica canle multimedia interactiva e a potenciación das canles internacionais da televisión e da radio.

Pico demandou que se garanta por lei que o galego sexa sempre o idioma da CRTVG así como que se recolla o obrigado cumprimento da Lei Xeral do Audiovisual, que contempla a inversión do 6% de todos os ingresos da CRTVG procedentes dos orzamentos da Xunta de Galicia e da publicidade, na produción cinematográfica independente. Lembrou a necesidade dunha protección expresa ao xénero documental e do reforzamento da programación infantil e xuvenil, con  producións propias, co obxectivo de conseguir estes públicos e reducir a perda de galegofalantes entre os máis novos.

Categoría: Noticias
Etiquetas: