COMEZA O CICLO DE CINEMA INFANTIL AMAL

25 / 10 / 2010

Por segundo ano consecutivo, o Festival Internacional de Cinema Euroárabe Amal abre a súa programación ao público infantil, coa intención de mostrar o mundo árabe aos máis pequenos e de ofrecerlles unha visión respectuosa e tolerante cara a outras culturas. Do 25 ao 29 de Outubro, 500 alumnos de 5º e 6º de Primaria de sete colexios de Santiago de Compostela e os seus arredores, terán a oportunidade de gozar dunha divertida sesión de curtametraxes amenizada por unha contacontos. O Ciclo de Cinema infantil Amal inclúe tres pequenas obras mestras do cinema árabe, “Warda”, “El vendedor de pañuelos” e “Hudud”, que nos convidan a reflexionar sobre a importancia do respecto cara a outras culturas e cara aos demais.

Xa pola tarde, o Festival Amal continúa cunha interesante programación que comeza ás 17.00 horas na sede da Fundación Araguaney con “El Ángel de Bagdad”. Este documental, do director palestino Rashid Masharawi, reflicte a difícil situación que viven os nenos iraquís en Bagdad. Rashid Masharawi é un comprometido cineasta que reside en Ramallah, onde puxo en marcha proxectos como o Centro de Produción e Distribución Cinematográfica, destinado a promocionar producións locais, ou o cinema móbil, que proxecta películas en campo de refuxiados palestinos. Tras esta longametraxe proxectarase “Sobre el cielo, bajo el suelo” unha curtametraxe de Simon Lereng Wilmont que foi premiado no festival Cinéma du réel de Paris.

Ás 19.00 dará comezo no Teatro Principal unha nova sesión de curtametraxes. Nesta ocasión, poderemos ver “EL duelo de la cigüeña”, gañador do premio á mellor curtametraxe revelación suízo 2009, “Gaza-Londres”, que foi proxectado en festivais como o Palestinian Film Festival de Nova York ou o Dubai Film Festival e “Rojo Pálido”, do novo director exipcio Mohamad Hammad. Ao finalizar esta sesión, abrirase un coloquio que contará coa presenza da directora Dima Hamdan.

Esta mesma sala acollerá ás 20.30 a proxección desta “Los olvidados de Cassis” ,de Sonia Kachih. Esta produción francesa narra en clave documental a historia dun poboado sen nome, sen mulleres e sen mozas, onde habita unha comunidade de tunisianos que foron contratados na década do setenta para construír a vila de Cassis.

Por último, ás 22.30 horas, chegará a quenda da coprodución “El tiempo restante”. Esta comedia negra semi-biográfica conta en catro episodios a vida da familia do seu director, Elia Sulieman, desde 1948 até os nosos días. Esta longametraxe gañou o Premio do Xurado e o Premio a Mellor director e o Festival Mar de Prata, e estivo nomeada á Palma de Ouro en Cannes.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: