O COMPLEXO CINEMATOGRÁFICO DE CINESA NO MARINEDA CITY DA CORUÑA CONTARÁ CON DOCE SALAS DIXITAIS

28 / 10 / 2010

Xa se coñecen os detalles do complexo cinematográfico que Cinesa implantará no centro de lecer, shopping e business Marineda City da Coruña, que ten prevista a súa apertura na primavera de 2011. Disporá de 12 salas dixitais cun aforamento de 2.400 butacas, e requirirá un investimento de 8,5 millóns de euros.

O futuro complexo cinematográfico de Cinesa no centro Marineda City ocupará unha superficie de 4.453 metros cadrados, sobre a que se repartirán un total de 12 salas con capacidade para 2.360 butacas, ademais de 48 prazas para minusválidos. O aforamento das salas oscilará entre as 122 butacas da máis pequena, e as 454 da máis grande. Esta última disporá dunha pantalla de de 200 metros cadrados. Todas as salas estarán equipadas con tecnoloxía dixital, o que permitirá a exhibición tanto de películas en 2D como en 3D. En canto ao son, trabállase nunha nova técnica que permita envolver ao espectador ao máximo. Para buscar a maior comodidade do espectador, entre as filas das butacas haberá unha separación de 1,20 metros. Ademais, as salas terán reservadas filas VIP, integradas por butacas máis cómodas e anchas, polo que o seu prezo será lixeiramente superior ao do resto.

 Xunto á exhibición de todas as estreas, Cinesa apostará en Marineda City, aproveitando a tecnoloxía dixital, pola retransmisión en directo de grandes eventos vía satélite, desde óperas a concertos, pasando por acontecementos deportivos. Así mesmo, potenciarase a venda por canles en liña, ofrecendo descontos especiais e promocións aos seus usuarios. A posta en marcha do novo multiplex creará 40 postos de traballo, e o investimento previsto ascende a 8,5 millóns de euros. Coa posta en marcha do complexo, Cinesa consolidará a súa posición como a maior cadea de exhibición do país. Actualmente, conta con 420 pantallas repartidas por 35 cinemas en toda España, e contabilizou máis de 16 millóns de espectadores en 2009. 

Categoría: Noticias
Etiquetas: