A TROPA DE TRAPO NO PAÍS ONDE SEMPRE BRILLA O SOL CONTINÚA NAS SALAS CON TODAS AS SÚAS COPIAS NA SEGUNDA SEMANA

5 / 11 / 2010

Despois do bo resultado obtido en taquilla a semana pasada, A TROPA DE TRAPO NO PAÍS ONDE SEMPRE BRILLA O SOL, continua a súa andaina nas salas, mantendo na súa segunda semana as 91 copias coas que se estreou o pasado 29 de outubro. Así, en Galicia mantén as 10 copias coas que estreou- cinco en 3D en galego e outras cinco en 35mm en castelán-.

A película recadou 110.000 euros no seu primeiro fin de semana e dende Continental e Abano Producións esperan poder repetir este bo resultado en taquilla este segundo fin de semana. Desta forma, esta longametraxe de animación dirixida por Alex Colls, podería chegar a ser unha das películas galegas con maior recadación, sobre todo tendo en conta que vai dirixida a un público meramente infantil -de tres a sete anos- e prográmase só nas primeiras sesións dos cines.

A historia, protagonizada por un grupo de entrañables mascotas, está distribuída por ALTA CLASSICS e é a primeira película de animación rodada e estreada en 3D estereoscópico. Unha produción de ANERA FILMS, CONTINENTAL ANIMACIÓN, ABANO PRODUCIÓNS e A TROPA DE TRAPO SL en coprodución con Televisión de Galicia.

Categoría: Noticias
Etiquetas: