SEGUE ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN DO CURSO PRODUCIÓNS LOW COST

9 / 11 / 2010

Entre o 15 e o 19 de novembro desenvolverase o curso Producións Low Cost, organizado polo Cluster Audiovisual Galego (Clag). As clases serán impartidas por profesionais recoñecidos na materia como Paco Rodríguez (MEDIA TRAINING & CONSULTING) ou David Matamoros (ZENTROPA).

Este curso, co que colabora a Consellería de Economía e Industria, céntrase na idea de ‘low cost’: expor, mediante a innovación, novos procesos de produción e comercialización de produtos e servizos, onde o desenvolvemento da tecnoloxía dixital diminúa sensiblemente os custos de produción pero potencie o valor das ideas e os contidos. Entre os aspectos clave deste modelo, destaca a optimización dos procesos (xestión da información, distribución, negocio electrónico, etcétera), que permite garantir o mantemento de altos niveis de calidade, aínda que se reduzan prezos.

Que consecuencias ten este novo modelo económico sobre a información e os medios de masas? Que estruturas dos medios cambiarán (ou xa cambiaron) baixo a presión inmensa da rendibilidade económica? En que afectan eses cambios a curto e medio prazo aos profesionais e PEMES do sector e como se pode explotalos economicamente da maneira máis efectiva? Estas e outras cuestión terán resposta nas clases de Producións Low Cost.

 Os interesados poderán apuntarse ata o 12 de novembro.

Categoría: Noticias
Etiquetas: