O Cluster Audioviusal Galego (Clag), en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), celebra a sexta edición do pitching I+P, Ideas para producir o vindeiro mércores, 15 de decembro, no Hotel Compostela de Santiago, no que participarán máis de 80 profesionais do sector audiovisual. Neste foro presentaranse 24 proxectos audiovisuais de produtoras ou participantes individuais, tanto galegos coma do resto de España. Asemade, máis de 20 responsables de canles de televisións nacionais, tanto públicas como privadas; canles autonómicas; axentes de distribuidoras e produtores executivos en busca de novas ideas asisten a esta nova edición do I+P en calidade de potenciais compradores.
Nesta sexta edición presentarán os seus proxectos un total de dezaseis produtoras (catorce galegas, unha sevillana e unha madrileña) e cinco participantes individuais, que contarán con intervencións de 12 minutos para expoñer os seus traballos.
Das 16 produtoras, tres delas presentarán dous proxectos cada unha e outras dúas van facer unha breve explicación dos traballos en desenvolvemento de cine e televisión. Asemade tamén asistirán como oíntes ó I+P 2010 preto dunha decena de representantes de empresas pertencentes a distintos subsectores da industria audiovisual de toda España.