VOLVE O LAV VEDRA DE FORMACIÓN AUDIOVISUAL CON 12 OBRADOIROS DE INICIACIÓN E 8 AVANZADOS

29 / 12 / 2010

A cuarta edición das Xornadas de Formación e Mostra Audiovisual LAV 011, organizadas pola Asociación Senunpeso Producións de Vedra, terá lugar como vén sendo xa habitual no mes de febreiro, desta volta os días 12, 13, 18, 19 e 20, coincidindo coa primeira e a segunda fin de semana do mes. Nesta nova convocatoria propóñense 12 obradoiros de iniciación e 8 avanzados, dirixidos tanto a afeccionados que queiran achegarse por primeira vez a este mundo ou completar os seus coñecementos nas diferentes facetas da realización audiovisual como a profesionais do sector.

Achegarase unha perspectiva xeral da creación de curtametraxes, documentais e videoclips e abordaranse diversas áreas como a maquillaxe, a interpretación diante da cámara, a animación stop motion, o son ou a fotografía. Como gran novidade deste ano está o curso de realización de videoclips que dará Pedro Castro, premio MTV VMA’S e MTV Latin VMA’S ao mellor videoclip en 2006 e nominado en dúas ocasións aos Grammys latinos. Ademais, ofrécense por primeira vez cursos de produción audiovisual, caracterización, after effects, time lapse, correción de cor, workflow para postprodución de esteroscópica (3D) e fotografía cinematográfica para actores. A inscrición xa está aberto e a matrícula pode formalizarse enviando o formulario cuberto e o xustificante de pagamento a través da páxina web www.senunpeso.org ou por correo electrónico a info@senunpeso.org. Hai de prazo ata o 31 de xaneiro, agás para o curso de videoclips, que remata o 17 de xaneiro.

Videoclips a cargo dun Premio MTV
A principal novidade deste ano é o curso de vidoclips que impartirá o galardoado realizador e director de fotografía Pedro Castro e que está dirixido a profesionais. Polos seus traballos para grupos e cantantes como Maná, Chayanne, Pannic! at the Disco e Roselyn Sánchez foi nominado en dúas ocasións nos Grammys Latinos e obtivo o MTV VMA’S e o MTV Latin VMA’S ao mellor videoclip en 2006. Ademais, realizou vídeos musicais para Kings of Leon, Alejandro Sanz e Alicia Keys, Carrie Underwood, Kellie Pickler e Michelle Williams, entre outros, e dous documentais sobre Bon Jovi e Britney Spears. Guiará aos alumnos deste curso na preparación
e realización dun videoclip.

Etalonaxe, steady cam, 3DS, time-lapse e outras técnicas
Os restantes cursos para profesionais achegan coñecementos moi específicos e técnicas innovadoras de diferentes áreas. O tamén premiado realizador de publicidade e técnico de efectos especiais, Jordi Molina Cuquerella (premio á mellor curtametraxe no Colorado Indie Spirit Film Festival 2010 e no Festival de Cine Negro de Manresa 2009) amosará os segredos da etalonaxe no curso de corrección de cor, continuidade e look.

Cunha visión máis tecnolóxica, o obradoiro de workflow para postproducción estereoscópica tratará contidos especializados para a produción en 3D e estará impartido por Fernando Alfonsín. Pola súa parte, Berto Yáñez revisará en dúas sesións os novos camiños do vídeo na rede, como usamos a web para consumir e distribuír vídeos e como vai mudar o vídeo online a implantación do estándar HTML5. Pensado para operadores de cámara, Carlos Martínez Bouzas dará un curso sobre o manexo da Steady Cam. E Daniel Almeida amosará como realizar vídeos coa técnica time-lapse.

No eido da interpretación, o profesor de canto, voz e dicción Ramón Bermejo ensinará a profesionais da voz falada a optimizar as súas capacidades vocais. A actores e actrices vai dirixido tamén o curso de fotografía cinematográfica de Alfonso Parra. Este obradoiro pretende dar a coñecer aos intérpretes os principios básicos da fotografía cinematográfica tanto no que se refire ao uso da luz como da composición, o encadre e a súa relación coa creación das persoaxes.

Iniciación á curtametraxe, ao documental e á animación
Como vén sendo habitual repetirán os cursos de iniciación á curtamentraxe e ao documental. Este ano estarán impartidos, respectivamente, polos directores e guionistas Alfonso Zarauza e Marcos Nine. Como nas edicións anteriores, estes dous obradoiros terán unha fase de preprodución e outra de rodaxe e edición, co obxectivo de estrear as pezas o domingo 28 de febreiro. A realización dunha pequena peza é tamén o obxectivo do obradoiro de animación stop motion, que correrá a cargo dun dos nosos creadores máis premiados neste eido, Juan Pablo Etcheberry, nominado aos Goya pola curtametraxe Minotauromaquia.

Interpretación, fotografía, cámara, son e produción
Pola súa parte, o actor Nathan Carter guiará a modo de adestrador todo o proceso nun dos cursos máis demandados ano tras ano, o de intérprete diante da cámara, amosando a súa propia técnica: “BrainWash”. Paco Rocha achegará a teoría e a práctica da dirección de fotografía a través do material de cámara e iluminación. Javier Rosende, editor e operador de cámara de Correo TV, abordará conceptos básicos como a luz, a cor, a composición e o encadre, así como o manexo da cámara, orientados ao traballo do operador. Ana Bouzas Sierra, xefa de produción de Atlantis Multimedia, fará unha aproximación o máis real posible ao mundo da produción audiovisual. E Xoán Escudero dará un obradoiro de son creativo para cine, para pensar tamén en son e non só en imaxes.

Caracterización, maquillaxe e Affter Effects
Dous cursos afondarán na caracterización e nos efectos especiais de maquillaxe. No primeiro Montse Tojo amosará técnicas e recursos para facer feridas, cicatrices, moratóns, olleiras, impactos de bala, avellentamentos, etc. No segundo, Alberto Hortas tratará o uso, modelado e aplicación de próteses para o corpo. Así mesmo, o deseñador gráfico Xosé Collazo realizará unha aproximación ao programa After Effects e o seu uso para o traballo de posprodución e a creación de créditos, o uso do croma, etc. Completa o apartado de iniciación un obradoiro pensado especificamente para o alumnado da ESO, que xa tivo boa acollida na súa primeira convocatoria o ano pasado e que nesta edición estará impartido polo director de
curtametraxes Luki Mathews.

Mostra audiovisual e conferencias
O LAV é unha proposta diferente que pouco a pouco vai consolidándose no ámbito do audiovisual e polo que xa pasaron máis de 300 alumnos e alumnas e máis de 20 profesionais, que impartiron clases ao longo das tres intensas e satisfactorias edicións anteriores. Esta nova convocatoria formúlase como a consolidación do traballo levado a cabo ata hoxe, mais tamén como unha aposta por afondar no carácter formativo das xornadas e potenciar a súa condición de escaparate de traballos audiovisuais producidos en Galicia.

É por iso que as xornadas, ademais dos obradoiros de formación, constarán dunha mostra de curtametraxes, na que se exhibirán unha serie de traballos de distintos colectivos que están a facer propostas interesantes e alternativas aos modelos tradicionais de produción audiovisual. Un deles é a escola Canle4, que xa ten desenvolvidos varios proxectos. Outro é Secuestrados, un serial de televisión para a Internet, froito do traballo colectivo e coa particularidade de que boa parte do equipo está formado por ex-alumnos do LAV.

Ademais, haberá varias sesións de conferencias nas que se pretenden cubrir distintos aspectos: pre-produción, produción e post-produción, a distribución e exhibición, os dereitos de autor (copyright, copyleft ou Creative Commons), etc. Intervirán Pepe Coira, vicepresidente da Academia Audiovisual Galega, Manolo González, ex-director da Axencia Audiovisual Galega, e José Manuel Sande, programador de CGAI. O programa completo destes dous apartados darase a coñecer despois do Nadal.

Categoría: Noticias
Etiquetas: