DEZ EMPRESAS GALEGAS ASISTIRÁN AO EFM DA MAN DO CONSORCIO

10 / 02 / 2011

O consorcio Audiovisual de Galicia participará cun expositor corporativo no European Film Market, un dos principias mercados de cine de Europa, que se celebra do 10 ao 18 de febreiro en Berlín de forma paralela á Berlinale.Este espazo institucional no pabellón “Cinema from Spain” pretende contribuír á proxección do sector audiovisual galego, difundir as súas potencialidades e xerar unha imaxe de industria sólida e consolidada de cara ao exterior, e servir coma plataforma de presentación para as empresas galegas que participen no evento.

O expositor corporativo do Consorcio Audiovisual de Galicia no European Film Market, para o que o organismo contou coa colaboración do IGAPE, servirá coma plataforma de presentación para as 10 empresas galegas que participarán no mercado: Vaca Films, O Grelo Producciones, Xamalú Filmes, Continental Producciones, Costa Oeste, Frida Films, Vimbio Filmes, Artefacto Producciones, Matriuska Producciones e Cinemar Films.

O Consorcio desenvolverá accións de dinamización para procura-la máxima visualización do produto audiovisual galego e ofrecerá asesoramento in situ, atendendo necesidades puntuais ou pequenas xestións que poidan xurdir para facilita-lo traballo das empresas.  Ademais, a través do expositor galego realizaranse labores de difusión e de contacto cos axentes do sector máis relevantes para os programas de promoción do audiovisual galego. Entre as accións de promoción previstas difundirase no EFM o catálogo “Films from Galicia” que recolle longas de ficción, documentais e de animación realizadas en Galicia entre 2009 e 2011.

A presenza no EFM enmárcase dentro das actuacións previstas no Plan de Actividades para o 2011 do Consorcio Auduiovisual de Galicia aprobado o pasado 27 de xaneiro, no que se contemplan diferentes accións destinadas a consolidar e reforza-la presenza exterior do produto audiovisual galego en foros e mercados no ámbito español e internacional. A través do Consorcio, a Xunta pretende a participación do sector audiovisual galego, considerado coma estratéxico, nos encontros internacionais máis representativos e con maior volume de negocio. En concreto, o Consorcio ten prevista tamén a súa participación no MIPTV 2011 do 4 ao 7 de abril; o Marché du Film do 11 ao 20 de maio en paralelo ao Festival de Cannes, e o MIPCOM 2011, que se celebrará do 3 ao 7 de outubro. O CAG estará presente ademais no mercado internacional de longametraxes que se celebrará en setembro en Toronto, coincidindo co propio festival.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: