FICCIÓN PRODUCCIONES NA 10ª MOSTRA DE CINE XOVE NA HABANA

3 / 03 / 2011

A produtora executiva da empresa Ficción Producciones, Mamen Quintas, participou na Habana na 10ª Muestra Joven –dedicada á promoción de novos realizadores da capital cubana, que o ICAIC leva organizando ó longo de 10 anos. Esta edición, tivo lugar do 22 ó 27 de febreiro. Diversas actividades paralelas ás proxecións encheron o Programa, que atraeu a diversos profesionais do audiovisual de boa parte od mundo, Nunha das actividades paralelas foi o Encontro celebrado o derradeiro día da Mostra con Mamen Quintas, co obxecto de continuar na expansión e divulgación do Festival Internacional de Curtametraxes, Curtocircuíto –iniciativa da Concellería de Cultura do concello de Santiago-, que celebrou xa sete edicións, xa coñecido na Habana.

Curtocircuíto foi un dos Festivais Internacionais convidados expresamente polos organizadores da Mostgra, xunto con outros tan prestixiosos como o de Clermont Ferrand de Francia, que ven tamén de celebrarse hai uns días, e ó que asistíu de novo o equipo de Ficción Producciones que leva sete anos organizando e producindo este evento internacional.

Curtocircuíto presentou na Muestra Joven da Habana dous Programas de Curtametraxes, dentro da sección pararela do Festival. Un Programa de Curtas de todo o estado español, e unha mostra dos traballos da sección Explora deste festival, que son as curtas con máis elementos diferenciadores, novidosos e transgresores no tocante ás técnicas empregadas para a grabación, ou mesmo no estilo narrativo.

Conta Mamen Quintas que nesta 10ª edición da Muestra Joven, fíxose unha retrospectiva dos 10 anos de vida da memsa, así como actividades ilustrativas como a visita á Escola de Cine de San Antonio de los Baños, referente no ensino do cine en todo o mundo, e que xa o ano pasado foi convidado pola organización de Curtocircuíto a participar no noso Festival. Esta Escola cumple este ano 25 anos dende a súa creación.

Como non podía ser doutro xeito, a produtora Mamen Quintas levou a cabo diversos contactos e aportou grandes ideas para seguir colaborando co cinema cubano.

Categoría: Noticias
Etiquetas: