O CGAI celebra mañá martes día 15 de marzo o seu 20 aniversario coa proxección (20.00 horas) de TODOS VÓS SODES CAPITÁNS (2010) de Oliver Laxe, produción galega gañadora do premio FIPRESCI en Cannes 2010. O acto contará coa presenza do propio autor e abre unha semana conmemorativa. A entrada é gratuíta. A programación do CGAI, a Filmoteca de Galicia, iniciouse un 15 de marzo de 1991. Cúmprense 20 anos de actividade, 20 anos de programación regular, unha etapa ampla e importante que atende desde diferentes perspectivas (autores, cinematografías, correntes, estreas fóra de circuítos ou canles ao uso, percorrido histórico, difusión da produción propia) as mutacións acontecidas no cine -e conglomerado audiovisual- contemporáneo. Seleccionamos como conmemoración unha serie de proxeccións que cobren os diversos campos de traballo do CGAI e que escenifican os logros e/ou iniciativas deste período.
Por un lado parece pertinente a aposta nestes momentos pola iconoclastia narrativa coa estrea (logo do seu pase por Cineuropa) da película de produción galega Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe, que obtivo o recoñecemento máis importante da Historia do noso cine, o premio FIPRESCI en Cannes 2010. A dixitalización do material NO-DO relacionado con Galicia permite ofrecer con carácter de primicia varios dos bloques temáticos existentes no que vén sendo unha síntese da ditadura en imaxes. La casa de La Troya (1924) aparece como un título silente restaurado desde o CGAI –ano 2003, con Filmoteca Española-, co agasallo do acompañamento musical ao piano de Javier Pérez de Azpeitia. Por outro lado, a proxección dun dos títulos recentes que mellor ensambla as pezas e amosa as derivacións que constitúen a memoria –o detritus- do cine, Decasia (2002), do estadounidense Bill Morrison, coroa esta tentativa de proporcionar unha semana de celebración para o espectador.
Martes 15 de marzo (20.00 horas)
TODOS VÓS SODES CAPITÁNS
(España, 2010)
Dirección e guión: Oliver Laxe. Produción: Zeitun Films. Fotografía: Ines Thomsen. Intérpretes: Shakib Ben Omar, Nabil Dourgal. Duración: 78 minutos.
Ao pouco de chegar a Marrocos, Oliver Laxe comeza a desenvolver na cidade de Tánxer un obradoiro de cine con cativos. Esta película xorde desa experiencia, mais o resultado ameaza coa destrución (ou re-construción) de toda categoría. Ficción e non ficción morren como expresións derivadas dos nosos límites e o íntimo e a colectividade converxen para amosarnos os austeros silencios, itinerarios e latexos da historia do cine, do noso devir e o dos nenos protagonistas. Unha película liberadora que, como todo proceso de revelación, contén moitas películas dentro de si ao tempo que enlaza ou rima coas orixes e o legado do cine. Produción galega gañadora do premio FIPRESCI no último Festival de Cannes.
Mèrcores 16 de marzo (18.00 horas)
Programa NO-DO: A GALICIA OBREIRA
(España, 1947–1978)
Duración: 55 minutos.
Proxección das pezas NO-DO (con ano de produción e tipo de documento):
En un pueblo pesquero. Malpica (1947) Imaxes
Campo y ciudad en Galicia (1952) Imaxes
La industria naval española al servicio de la pesca (1972) Documental
Crines al viento. Los caballos salvajes de Sabucedo (1949) Imaxes
Perceberos en Finisterre (1966) Noticiario
La cosecha del agua. Ría de Vigo (1952) Noticiario
Campaña de alfabetización en Orense (1964) Noticiario
Franco visita explotaciones agrarias (1957) Noticiario
Transporte pesado por mar (1978) Noticiario
Plásticos. Fábrica en Vigo (1955) Noticiario
Catástrofe del Urquiola (1976) Noticiario
En el salto de Belesar (1961) Noticiario
Por los hombres del trabajo (1969) Documental
Mércores 16 de marzo (20.45 horas)
DECASIA
(Estados Unidos, 2002)
Dirección, produción e guión: Bill Morrison. Duración: 67 minutos.
Pertencente á cuantiosa produción moderna asociada ao found footage e elaborada por medio de descartes, fotogramas queimados e fragmentos devorados polo tempo, Decasia é un fermoso canto á creación artística, unha sinfonía intelixente (banda sonora de Michael Gordon) que moldea ou descompón os tempos da Historia do cine amosando a sapiencia do cine experimental. Bill Morrison (Chicago, 1965) recompilou para esta persoal e reflexiva colaxe imaxes de diversa procedencia, moitas procuradas en museos e filmotecas..
Xoves 17 de marzo (18.00 horas)
Programa NO-DO: GALICIA PARADOR TURÍSTICO
(España, 1944–1976)
Duración: 67 minutos.
Proxección das pezas NO-DO (con ano de produción e tipo de documento):
Folklore español. San Benitiño de Lérez (1944) Noticiario
Horas veraniegas (1951) Documental
Rutas galaicas (1952) Imaxes
Mirando al mar. En la costa gallega (1952) Imaxes
Aires de mi tierra (1958) Documental
Orense (1971) Documental
Las rías de Pontevedra (1971) Documental
Lugo 2000 (1976) Noticiario
Xoves 17 de marzo (20.45 horas)
Programa NO-DO: CIDADE COMPOSTELÁ
(España, 1943–1976)
Duración: 55 minutos.
Proxección das pezas NO-DO (con ano de produción e tipo de documento):
Un día en Santiago (1944) Documental
A la paz de Dios (1952) Documental
Peregrinación a Santiago (1965) Imaxes
Visita real a Santiago (1976) Documental
VII consejo nacional de la Sección Femenina (1943) Noticiario
Ofrenda al Apóstol (1943) Noticiario
Sermón de las 7 palabras en Santiago (1954) Noticiario
Hostería santiaguesa (1955) Noticiario
Año santo compostelano (1954) Noticiario
Homenaje a Fraga Iribarne. Santiago (1965) Noticiario
Juegos medievales (1965) Noticiario
Franco y los príncipes en Santiago (1969) Noticiario
La catedral de Compostela (1970) Noticiario
Peregrinación OJE a Santiago (1976) Noticiario
Venres 18 de marzo (20.00 horas)
LA CASA DE LA TROYA
(España, 1924)
Dirección e guión: Alejandro Pérez Lugín e Manuel Noriega, sobre a novela homónima de Alejandro Pérez Lugín. Produción: Troya Filme e Antonio Moriyón. Fotografía: José Gaspar, Agustín Macasoli e Alberto Arroyo. Intérpretes: Carmen Viance, Pedro Elviro, Florián Rey, Juan de Orduña. Duración: 140 minutos.
Ambientada no universo estudantil dun finisecular Santiago de Compostela, La casa de la Troya é a adaptación da popular (e autobiográfica) novela de Pérez Lugín publicada en 1915, axudado en 1924 na realización polo cosmopolita director e home de teatro asturiano Manuel Noriega. Convertido nun dos grandes éxitos do momento, este filme mudo de amoríos e esmorga, representa tamén un percorrido turístico por localizacións galegas (Vigo, A Coruña, Betanzos). Restaurada polo CGAI e Filmoteca Española no ano 2003. Acompañamento musical en directo a cargo do pianista Javier Pérez de Azpeitia.