Mañá mércores día 4 de maio comeza o ciclo dedicado polo CGAI a Guy Maddin coa proxección de TALES FROM THE GIMLI HOSPITAL. O ciclo remata o 1 de xuño.
GUY MADDIN:
En colaboración con: Festival Internacional de Cinema d¹Autor de Barcelona, IVAC-La Filmoteca de Valencia e Filmoteca de Catalunya.
³Entre o pasado e o futuro
Hai unha definición moi bonita, por insuperable, que non pode ser máis apropiada para comprender a obra de Guy Maddin (Canadá, 1956). Nunha reseña de Anthony Lane sobre The Saddest Music in the World (2003) para «The New Yorker», o crítico falaba do cine de Maddin como un cine da ³derrière-garde», un neoloxismo que encerra un grande paradoxo e, ao tempo,
evidencia esa suma de vontade vangardista e procura no pretérito de todo tipo de material creativo, sexa ou non cinematográfico, do canadense. Estamos ante unha vangarda que mira cara atrás, entre o pasado e o futuro e que non necesariamente se atopa no presente.
Maddin é un viaxeiro no tempo. Nas súas mans, a filmoteca universal resucita e toma un corpo novo, aprópiase do contemporáneo, como se as imaxes de Murnau, Wiene, Jean Vigo, Busby Berkeley, Feuillade, Georges Franju ou Lotte Reiniger recuperaran o alento cada vez que o canadense empuña a súa Bolex de 16 mm. A operación, porén, non ten tanto de pastiche posmoderno como de nova vida fílmica deses fotogramas que forman parte das materias de historia do cine. A mirada de Maddin foxe do catálogo enciclopédico; máis ben amosase como algo moi distinto: do que se trata é de invocar un pasado que moitos dan por morto para proxectalo cara ao porvir. Se como apuntaba Raymound Bellour, ³a morte do cine non sería nada máis que iso, un recordar inmenso², ao longo da filmografía do canadense nos atopamos ante a visualización esplendorosa desa idea.
A resistencia ante o esquecemento emerxe, pois, como poética no seu cine. ³Para Guy Maddin toda narración contemporánea que sexa honesta é finalmente un relato sobre a amnesia², subliña o seu compañeiro de batallas fílmicas, George Toles. Non tanto sobre senón contra a amnesia. Non estraña que entre as capas de imaxes que se amontoan violentamente en cada un dos seus planos desfilen desde lembranzas persoais a fantasías ucrónicas e reformulacións de varios xéneros cinematográficos: calquera elemento ou vivencia é susceptible de ser metamorfoseado, como se constatara a natureza mutante das cousas e do mesmo cine. A transformación deses materiais pon en escena certa idea de movemento, como tamén o seu uso dunha narrativa torrencial. A montaxe sobresaltada, cumio dos postulados de Kuleshov, aparece como outra das marcas da casa. O cine de Maddin ten que verse, así, como un tratado de bricolaxe cinematográfica. Todo o seu traballo é, en última instancia, o retrato de varias tensións, de certa idea do convulso. E nese sentido, é moi físico. Hai espectros, vampiros e outros tantos monstros nas súas imaxes, pero sobre todo hai unha morea de corpos. Feridos, mutilados, namorados ou en fricción, sobre todos eles esperta o corpo do seu cine: en celuloide, en 16mm, Súper 8, branco e negro, ás veces en cor, en ocasións vídeo e píxeles, un corpo onde escribir o relato das súas obsesións. Son abundantes e recorrentes, polo que enumeralas nestas liñas sería estragar a sorpresa. E unha mágoa, xa que pouco cine existe hoxe que sorprenda tanto como o de Guy Maddin. Sorpresa e emoción. Eu non pido máis² (Paula Arantzazu Ruiz).
TALES FROM THE GIMLI HOSPITAL
(Canadá, 1988)
Dirección, guión e fotografía: Guy Maddin. Produción: Extra Large Productions. Intérpretes: Kyle McCulloch, Michael Gotti. Duración: 70 minutos.
Primeira longametraxe de Maddin (Winnipeg, 1956), baseada en lendas orais ancestrais islandesas. O autor transmite a súa paixón polos filmes mudos, a propia influencia de dous dos seus grandes mestres, Murnau e Wiene. En Islandia unha estraña plaga contaxiosa propágase sen remedio. Un home é internado no Hospital Gimli xunto a un tipo coa vista mermada. Unha moza morta e unhas máxicas tesoiras crean un enorme odio entre os dous doentes.
CAREFUL
(Canadá, 1992)
Dirección e fotografía: Guy Maddin. Guión: Guy Maddin e George Toles. Produción: The Canada Council, The Greg & Tracy Film Ministry, The Manitoba Arts Council, Téléfilm Canada. Intérpretes: Kyle McCulloch, Gosia Dobrowolska. Duración: 100 minutos.
No remoto pobo alpino de Tolzbad, todo o mundo fala baixo por medo a desencadear unha avalancha. Johann, aspirante a mordomo, é testemuña das aberracións mudas que teñen lugar alí, desde o incesto a suicidios furtivos.
THE SADDEST MUSIC IN THE WORLD
(Canadá, 2003)
Dirección: Guy Maddin. Guión: George Toles, segundo a novela de Kazuo Ishiguro. Produción: Rhombus Media, Buffalo Gal Pictures e Ego Film Arts. Fotografía: Luc Montpellier. Intérpretes: Mark McKinney, Isabella Rossellini, María de Medeiros. Duración: 100 minutos.
Entre o melodrama e o noir musicado, primeira película de Maddin baseada nun texto alleo. Toma a novela homónima de Kazuo Ishiguro para, coa axuda do seu inseparable Georges Toles, situalo no Winnipeg da Depresión. Para estimular o consumo de cervexa, Lady Helen Port-Huntley organiza un concurso onde se escollerá a canción máis triste do mundo, sen imaxinar que se atopará cos seus antigos amantes, Fyodor e Chester Kent, padre e fillo respectivamente, protagonistas do accidente que a deixou sen pernas.
Curtametraxes Guy Maddin
HOSPITAL FRAGMENT (1999). Duración: 3 minutos
SOMBRA DOLOROSA (2004). Duración: 7 minutos.
ODIN¹S SHIELD MAIDEN (2007). Duración: 6 minutos.
SISSY BOY SLAP PARTY (1995). Duración: 6 minutos.
Imaxinarios do desexo, estudo da xestualidade feminina, pelexadores mexicanos, apropiación de fragmentos da súa obra anterior, Maddin amosa un pequeno catálogo das súas filias.
COWARDS BEND THE KNEE
(Canadá, 2003)
Dirección, guión e fotografía: Guy Maddin. Produción: The Power Plant. Intérpretes: Darcy Fehr, Melissa Dionisio. Duración: 64 minutos.
Tamén coñecida como The Blue Hands, o filme que inaugura a triloxía de autoficción de Maddin. Concibida inicialmente como unha instalación audiovisual para o prestixioso Festival Internacional de Cinema de Rotterdam. Inspirado por clásicos queridos por Maddin como Las manos de Orlac de Wiene ou The Unknown, de Browning, crea un dispositivo similar a un
peep show dividido en capítulos, unha alucinada historia impregnada de sexo e mutilacións.
TWILIGHT OF THE INCE NYMPHS
(Canadá, 1997)
Dirección: Guy Maddin. Guión: George Toles. Produción: Marble Island Pictures e Twilight Pictures Inc. Fotografía: Michael Marshall. Intérpretes: Pascale Bussiéres, Shelley Duvall. Duración: 91 minutos.
A primeira produción economicamente importante de Guy Maddin é unha fantasía de ton e paisaxe inspirada na pintura de Gustave Moreau e certa estética pre-Rafaelista. No reino de Mandrágora desenvólvese unha comedia romántica de situación chea de ironía próxima a Shakespeare. Peter Glahn volta a casa logo dunha estadía no cárcere e namora de Julianna.
MY WINNIPEG
(Canadá, 2007)
Dirección: Guy Maddin. Guión: Guy Maddin e George Toles. Produción: Buffalo Gal Pictures, IFC Films, Manitoba Film and Sound, Documentary Channel, Everyday Pictures. Fotografía: Jody Shapiro. Intérpretes: Darcy Fehr, Amy Stewart. Duración: 80 minutos.
Documental sobre un recordo e ficción sobre unha cidade, My Winnipeg é unha longametraxe libre e emotiva que homenaxea a cidade (a familia, o cine, a memoria) do cineasta, fría capital do estado de Manitoba. Encargo do Documentary Channel, remata por ser o capítulo final da súa triloxía da autoficción, definido por Maddin como unha docu-fantasía. Dramatizacións,
metraxe de arquivo, grabacións en distintos formatos, todo funciona como un reflexo das obsesións do autor.
ARCHANGEL
(Canadá, 1990)
Dirección e fotografía: Guy Maddin. Guión: Guy Maddin, George Toles. Produción: Cinephile, Ordenance Pictures. Intérpretes: Michael Gottli, David Falkenburg. Duración: 83 minutos.
Un combatente da I Guerra Mundial que perdeu á súa prometida desembarca en Archangel, unha apartada cidade rusa na que vagabundean sacerdotes ortodoxos de longas barbas e soldados zombis comedores de nenos. Loitas baixo a neve, ciumes, vinganzas, matanzas: en Archangel os feitos ocorren coa mecánica dun soño.
BRAND UPON THE BRAIN! A REMEMBRANCE IN 12 CHAPTERS
(Estados Unidos-Canadá, 2006)
Dirección: Guy Maddin. Guión: Guy Maddin, Georges Toles, Louis Negin. Produción: The Film Company. Fotografía: Benjamin Kasulke. Intérpretes: Gretchen Krich, Sullivan Brown. Duración: 95 minutos.
A única película de Maddin rodada fóra de Canadá rachando os seus vínculos profundos coa súa terra natal. Na súa orixe unha curta, Maddin fai das limitacións virtude e transforma a proposta nunha maxestuosa obra silente para ser representada con orquesta e narración en vivo (nesta ocasión coa voz de Isabella Rossellini). A autobiografía sirve de materia para a la
ficción, unha viaxe edípica e espectral cara o pasado do protagonista,chamado como o cineasta: o mozo Guy regresa ao faro-orfanato onde se criou para pintalo por desexo expreso da súa nai.
Programa 1 curtametraxes Guy Maddin
THE DEAD FATHER (1985). Duración: 21 minutos.
ODILON REDON (1995). Duración: 6 minutos.
THE HEART OF THE WORLD (2000). Duración: 5 minutos.
IT¹S A WONDERFUL LIFE (2001). Duración: 3 minutos.
A TRIP TO THE ORPHANAGE (2004). Duración: 4 minutos.
NUDE CABOOSE (2006). Duración: 2 minutos.
THE LITTLE CLOUD THAT CRIED (2009). Duración: 13 minutos.
NIGHT MAYOR (2010). Duración: 14 minutos.
Duración total: 69 minutos.
Traballos de estética elaborada, relatos de pantasmas, o concepto de seducción, María de Medeiros, algúns encargos que fai propios, unha mestura das tendencias máis acentuadas e estimulantes do autor.
Programa 2 curtametraxes Compilacións Guy Maddin
WORKBOOKS COMPILATION (2005). Duración: 24 minutos.
Inclúe as curtametraxes AUDITION 1, AUDITION 2, CHIMNEY, ROOSTER, FUSEBOY e
ZOOKEEPER.
2008 SHORTS COMPILATION (2008). Duración: 59 minutos.
Inclúe as curtametraxes BERLÍN, COLLAGE PARTY, FOOTSTEPS, GLORIOUS, IT¹S MY
MOTHER¹S BIRTHDAY TODAY, SEND ME TO THE ELECTRIC CHAIR, SPANKY-TO THE PIER AND BACK.
Artistas de Winnipeg, xogos con películas da súa filmografía, biopics, tributos a Edison e Juana de Arco, Isabella Rossellini e pezas varias artellan o dominio de Maddin sobre as distancias curtas. Duración total da sesión: 84 minutos.
DRACULA: PAGES FROM A VIRGIN¹S DIARY / [DRÁCULA: PÁXINAS DO DIARIO DUNHA
VIRXE]
(Canadá, 2002)
Dirección: Guy Maddin. Guión: Mark Godden. Produción: Vonnie Von Helmolt Film, Dracula Productions Inc., Royal Winnipeg Ballet, Canadian Broadcasting Corporation. Fotografía: Paul Suderman. Intérpretes: Wei-Qiang Zhang, Tara Birtwhistle. Duración: 73 minutos.
Baseado na novela de Bram Stoker, unha singular adaptación levada ao ámbito do ballet por Mark Godden. Coreografiada polos membros do Canada¹s Royal Winnipeg Ballet, trátase dunha película muda con música de Gustav Mahler, rodada en branco e negro con destelos de vermello sangue.
WAITING FOR TWILIGHT
(Canadá, 1997)
Dirección e guión: Noam Gonick. Produción: Marble Island Pictures e Wait Inc. Fotografía: Noam Gonick, Christie Léonard e Caelum Vatnsdal. Duración: 60 minutos.
A rodaxe de Twilight of the Ice Nymphs case finiquita a carreira de Maddin, envolto nunha odisea (problemas cos produtores, imposición do reparto, traballo nun novo formato, 35 mm.). Afortunadamente un documental de Noam Gonick recolle a estraña atmósfera xurdida. Narrada por Tom Waits, unha indagación no perfil creativo de Maddin, os seus inicios, filias, paixóns,
entusiasmos e desesperacións.