A película galega Todos vós sodes capitáns, de Oliver Laxe, gañou o premio do xurado no I Festival Online de Cine Invisible Europeo, organizado por Filmotech, que se celebrou do 11 de abril ao 11 de maio. Pola súa parte, o público decantouse pola coprodución franco-belga Cartas a Dios, de Eric-Emmanuel Schmitt. Unhas 15.000 persoas visionaron as películas do festival.
O I Festival Online de Cine Invisible Europeo contou con dúas seccións a concurso de cine español e europeo non estreado en salas de cine nin editado en DVD, compostas por seis títulos cada unha, de ficción e documentais. Un xurado integrado polo cineasta Daniel Sánchez Arévalo, o presentador e escritor Boris Izaguirre, Rafael Portela, director de programación de TCM, o periodista e bloguero Dani Seseña, Pere Vall, redactor xefe da revista Fotogramas, e Ramón Pernas, director de Ambito Cultural de El Corte Inglés, outorgaron un premio á mellor película do festival, común para as dúas categorías. Levouno o documental de creación española Todos vós sodes capitáns, do galego Oliver Laxe, que mostra o día a día dos nenos dun centro de acollida que asisten a un taller de cine de Tánger. O premio consiste 2.500 euros aportados polo Canal TCM, que emitirá dita obra. Ademais, o filme editarase nun DVD que se distribuirá nos centros de El Corte Inglés. O outro premio do festival era o do público, decidido polos propios internautas e de carácter honorífico. Recaeu na coprodución franco-belga Cartas a Dios, do francés Eric-Emmanuel Schmitt, que, tralo seu estreo neste festival, conseguiu chegar ás salas comerciais españolas. Nela cóntase a historia dun neno con cáncer terminal, que aprende a acepta-la súa enfermidade.
Promovido polo portal de cine online Filmotech.com de EGEDA, e patrocinado polo Ambito Cultural de El Corte Inglés, el Festival Online de Cine Invisible Europeo pecha a súa primeira edición cunhas cifras «máis que satisfactorias», segundo a organización, xa que se contabilizaron uns 15.000 visionados das 12 películas a concurso e das 6 que se exhibiron na sección paralela «Joyas del cine español». Filmotech considera que a experiencia demostra que «consumir cine de forma legal a través de Internet é posible compatibilizando as necesidades dos internautas e a remuneración de quenes crean obras cinematográficas».