DÍA GRANDE NO FESTIVAL DE CANS CON MÁIS AFORO, MÁIS PREMIOS E MÁIS ACTIVIDADES DE ACCESO LIBRE

20 / 05 / 2011

O VIII Festival de Cans xa ten gañadores do concurso de videoclips, que se celebrou onte pola noite no Bar Tubular do Porriño. O  xurado, composto por Charlie Fáber, Belén Montero e Jorge Ilegal, destacou ante todo a variedade da selección deste ano, “con técnicas moi diferentes”, e valorou especialmente “a súa calidade visual”. Sinalaron que a deliberación estivo moi reñida e que “debateron duro”, sobre todo en torno a tres videoclips, “dos que podería ter gañado calquera”. Finalmente decantáronse polo tema Dos semanas de Misterioso viaje a Holanda, realizado por Juan Pablo Etcheberry. Deste traballo valoraron “a capacidade do realizador para facer crecer o tema musical co que se estaba enfrontando, así como a factura e a execución da peza”. Este é o quinto premio que Juan Pablo Etcheberry consigue en Cans, logo de facerse en 2004 co premio do xurado á mellor curta de animación por De tripas corazón, en 2005 cos premios do xurado e do público á mellor curta de animación con Minotauromaquia (Pablo no labirinto) e en 2007 co premio do público á mellor curta de animación por A flor máis grande do mundo..

O premio do público ao mellor videoclip deste ano foi finalmente para o grupo local El Cubo e o seu tema La marcha de las hormigas, traballo realizado Andrés Montenegro e Belén Mendaña. A organización destaca que o resultado estivo tamén neste caso moi reñido con outras dúas pezas, The man who lives in death de Patricia Moon e Be Real de Moon Cresta.

 

Día grande en Cans

Como en todas as edicións o día grande do Festival de Cans cae en sábado. Mañá a actividade espallarase por toda a parroquia e ao longo de todo o día, desta volta con máis aforo nas salas e máis premios. Na sección oficial a concurso, para a que se puxeron á venda 800 entradas, proxectaranse 17 curtametraxes (12 de ficción e 5 de animación). Este ano aumentaron os premios con dotación económica. Dunha banda, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia achegará a contía para os premios de mellor actor e actriz, 200€ cada un. Doutra banda, entregarase por primeira vez o premio do xurado ao mellor guión, tamén cunha contía de 200€, neste caso patrocinado pola Asociación Galega de Guionistas. Deste xeito, ademais do premio do xurado dos veciños á mellor curtametraxe, repartiranse nove premios con dotación económica, que suman 6.200€.

O programa de acceso libre e gratuíto para aqueles que acudan ao festival sen entrada será máis intenso que nunca: Fernando León de Aranoa fará o coloquio na leira; el e Antón Reixa deixarán a súa pegada no Torreiro das Estrelas; Os Veraneantes amenizarán a procesión de chimpíns; Dabid Rubín amosará a súa Mirada de Cans Can Car Oddisey; haberá concertos de Siniestro Total e Os Tres Trebóns; no Jalpón Friki proxectaranse os videoclips máis frikis do ano e outras pezas; soará na estrada unha gran Descarja Jaiteira; e darán micro concertos no Jaliñeiro Unppluged SraSrSra, Eladio y los Seres Queridos e Nicolás Pastoriza, á par das estreas e presentacións que se farán na Sala Multiúsos.

 

Coloquio na leira

O coloquio na leira de Alicia xa é un clásico do Festival de Cans. Por el pasaron Martín Cuenca, Juanma Bajo Ulloa e Tristán Ulloa e este ano tocaralle a outro cineasta de luxo, Fernando León de Aranoa. O encontro será ás 12h00 e antes, ás 11h00, no Jalpón Friki proxectaranse tres pezas pouco coñecidas da súa carreira, que seleccionou el mesmo para a ocasión reunidas baixo o título Afectos secundarios. Estas pezas son Grúa, único spot rodado polo director a finais dos 90 para Attitudes, unha pequena curta de minuto e medio que xira en torno á educación vial; Me llaman Calle, un videoclip rodado para Manu Chao en 2009, en devolución pola composición que o músico fixo para a película Princesas; e Rumbita, unha gravación doméstica de Manu Chao e os seus músicos.

Fernando León dirixiu 9 películas, escribiu o guión para 20 e produciu as 2 últimas coa súa propia empresa, Reposado, que fundou en 2004, despois do enorme éxito de Los lunes al Sol. Outros fitos da súa filmografía son o seu traballo máis recente, Amador; as cintas Princesas e Barrio, con cada unha das que colleitou tres Goyas; e Familia, a súa ópera prima, pola que recibiu o Goya á mellor dirección novel, entre outros premios. Tamén se internou no xénero documental con pezas como Buenas noches, Ouma, incluída na obra colectiva Invisibles, e Caminantes, sobre a marcha zapatista a Cidade de México. Na actualidade ultima a súa próxima longametraxe, Sabina.

 

Curtametraxes a concurso

Como cada ano a selección oficial de cortometraxes a concurso amosa a boa saúde do audiovisual galego. Este ano proxectaranse 12 curtas de ficción, entre as que se encontran nomes de directores xa coñecidos en Cans. Un deles é Alejandro Marzoa, que gañou o premio do xurado o ano pasado con Padre modelo e que agora presenta Amistad, un traballo que xa gañou nove premios noutros festivais. Outro é Javier Veiga, que convenceu tanto ao xurado como ao público en 2008 con Sálvame e que agora presenta De qué se ríen las hienas. Reaparece tamén Álex Sampayo, premio do público en 2005, coa curta de suspense A residencia. Na interpretación tamén xorden nomes habituais en Cans como o de Vicente de Souza, premio ao mellor actor en 2009, e o de Celso Bugallo, premio Pedigree’05. En canto ao apartado de animación, nesta edición pasaranse cinco curtametraxes: Checkout, de Iker García e Salvador Rubio e gañadora do concurso de guión do Festival Curtocircuito; Gato encerrado, de Peque Varela, que acaba de gañar o Premio Mestre Mateo; Vicenta, unha comedia negra en plastilina; 3 Kg, de Iván Fernández; e Birdboy, un poema social que se colou en máis de 30 festivais internacionais e está xa na la lista de candidatos ao Óscar á mellor curta de animación para 2012.

 

Siniestro Total e máis música

O grupo máis aclamado en toda a redonda, Siniestro Total, vén presentar o seu último traballo pero tampouco faltarán os seus grandes clásicos. Esta banda de currantes da música que pisa o escenario dende hai máis de trinta anos promete unha actuación moi especial pensada especificamente para o Festival de Cans. Xa pasaron á historia da música como os máximos representantes galegos da Movida, unha etiqueta gañada a pulso dende o lanzamento do seu primeiro disco, ¿Cuando se come aquí?, en 1982. Outros 17 álbums oficiais completan a súa fazaña particular, cunha morea de cancións convertidas en auténticos himnos xeracionais. Country & Western é o último, unha nova mostra das súas fórmulas iconoclastas e neodadaístas nos textos.

A procesión de chimpíns máis esperada do VIII Festival de Cans estará amenizada por Os Veraneantes, incondicionais de Cans, da festa e do desbarre de proporcións descoñecidas. No habitual apartado de música popular este ano incorporamos un experimento musical definitivo: a Descarja Jaiteira, un concerto colectivo na estrada, animado polos Veraneantes e os Lajaretas e ao que poderá sumarse quen queira…e saiba. O peche de festa será enriba do DiscoChimpín, ás 2h00 no torreiro cos Fabulosos Cubata Focking Brothers, mestres do cutrelux; e ás 3h00 en fronte do Bar A Escola Vella con Dj Ricardo de Barrreiro, o segundo actor dj desta oitava edición do Festival de Cans, que ofrecerá unha sesión da mellor música indie do momento.

 

Jalpón Friki

As proxección no Jalpón Friki da tarde darán comezo ás 17h00. En dúas sesións diferentes, poderase ver o top-ten dos videoclips máis frikis dos últimos meses, elixidos polo xornalista Luis Pardo, coordinador do programa de televisión Vclips. Desde temas gays sobre as parellas da Garda Civil (Los Tigres del Cañotas), a interpretacións bizarras do ano santo (Novedades Carmiña), pasando polo espírito de Tino Casal ou Lokomía (Vaquero Rapero), ata os problemas que ten Robocop porque o seu niki pícalle de mais (Robotics). Imposible concentrar tantas doses de delirio en só 31 minutos. Ademais, poderanse ver as curtas O dente negro e O morgado tiña un prezo, a primeira sobre a aventura que pode resultar ir ao dentista e a segunda sobre liortas familiares en torno ás terras e marcos que se moven. Por último, estrearemos a peza Cascallos de Carlos Meixide e Tomás Lijó, gravada en Nova York durante o 11-S e que leva unha década inédita.

 

Sala Multiúsos e Jaliñeiro Unppluged

Na sección Miradas de Cans, na que se convida a creadores de distintas disciplinas para ofrecer as súas miradas particulares sobre Cans e o festival, intervén este ano o debuxante David Rubín, premio nacional de cómic. Despois de observar o particular universo do festival na sétima edición mostrará o resultado baixo o título Can Car Oddisey. O acto terá lugar ás 17h00 e nel Rubín pasaralle o relevo ao escritor Manuel Rivas, que visita este ano o festival e achegará a súa Mirada de Cans na vindeira edición.

A Sala Multiúsos acollerá tamén a presentación do documental Cambia de papel da ONG Implicadas polo Deselvolvemento e as produtoras Zircocine e Filmanova, protagonizado por Luís Tosar; a presentación do proxecto Light Sessions do realizador Alberto Baamonte, que gravou videoclips nos lugares máis insospeitados a grupos de talla internacional como Fanfarlo e The Divine Comedy; e a presentación do videoclip en 3D A paz mundial de Siniestro Total e do making of sobre sobre a gravación do seu último disco, Making Country & Western, dirixido por Mikel Clemente. Ademais, ao lado, no Jaliñeiro Unplugged, Eladio y los Seres Queridos tocarán temas do seu último disco Están ustedes unidos; o grupo SraSrSra amosará a súa proposta de música breve e acelerada; e Nicolás Pastoriza presenta o seu último proxecto, Té con Nicolás, unha iniciativa singular na que convida a músicos a tocar na terraza da súa casa.

 

Programa do sábado 20 de maio:

Cans (torreiro, salas, leiras e camiños)

·       9.30h. Ruta da hitoria das inscricións polos camiños de Cans.

·       11.30h. Estrea de Afectos secundarios, unha selección de pezas inéditas de Fernando León. No Jalpón Friki.

·       12.00h. Coloquio na leira con Fernando León.

·       13.15h. Fernando León coloca a súa estrela no Torreiro das Estrelas.

·       13.30h. Sesión vermú coa Banda Municipal de Música de O Porriño.

·       15.30h. Procesión de chimpibuses, amenizada por Os Veraneantes.

·       16.00h. Chegada da procesión ao torreiro de Cans

·       16.15h. Proxección do videoclip Comebolsas e actuación de Srasrsra no Jaliñeiro con videoclip en tempo real por parte do director Javi Camino. Sala Multiúsos e Jaliñeiro Unplugged.

·       16.30h. Inicio das proxeccións nas salas: curtas a concurso e Jalpón Friki

·       17.00h. Miradas de Cans: Proxección do documental de Marcos Nine Radiografía de un autor de tebeos e da mirada de Cans de David Rubín: Can Car Oddisey. Rubín cédelle o testigo de Manuel Rivas. Na Sala Multiusos

·       17.30h. O realizador Alberto Baamonde presenta o seu proxecto Light Sessions, unha iniciativa singular entre a frescura do directo e a improvisación. Baamonde grava clips nos lugares mais insospeitados, incluso a grupos de talla internacional, que van de Divine Comedy a Fanfarlo. En Cans mostrará o seu proxecto e fará unha “light session” en tempo real, con Eladio y los Seres queridos. Sala Multiusos e Jaliñeiro Unplugged.

·       18.30h. María Reimóndez e Farruco Castromán presentan o documental Cambia de papel, gravado na India coa ONG Implicadas polo Desenvolvemento. Sala Multiusos.

·       18.30h. Descarja Jaiteira.

·       19.00h. Descanso das proxeccións. Antón Reixa coloca a súa estrela no Torreiro das Estrelas.

·       19.30h. Concerto de Os Tres Trebóns, con Xurxo Souto.

·       20.30h. Reinicio das proxeccións.

·       20.30h. Descarja Jaiteira.

·       21.00h. Estrea mundial do seu videoclip en 3D de “La paz mundial”, de Siniestro Total. Tamén presentarán o making of do seu disco Country & western, chamado Making Country & western e dirixido por Mikel Clemente. Sala Multiusos.

·       22.00h. Nicolás Pastoriza presenta o seu último proxecto, Té con Nicolás. Fundador de grupos como Los Buzos, La Marabunta, Bromea o qué? ou Ectoplasma, agora Pastoriza presenta unha iniciativa singular: convidar a músicos a tocar na terraza da súa casa. Sala Multiusos e Jaliñeiro.

·       23.00h. Fin das proxeccións

·       23.30h. Entrega de premios no torreiro

·       0.00h. Concerto de Siniestro Total.

·       2.00h. Sesión DiscoChimpín con os Fabulosos Cubata Focking Brothers

·       3.00h. Sesión DiscoChimpín no Bar A Escola Vella, con Ricardo de Barreiro.

 

Etiquetas: