PPDEG E PSDEG ALCANZAN UN ACORDO PARA A REFORMA DA LEI DA CRTVG

13 / 06 / 2011

O PPdeG e o PSdeG pecharon o pasado venres 10 de xuño, os últimos flocos que faltaban para elevar ao Parlamento de Galicia un texto conxunto para reforma-la Lei da CRTVG, que leva vixente dende 1984.

O texto acordado contempla importantes cambios respecto á Lei actual. Dun lado, integraranse nunha única sociedade, a Corporación RTVG, as actuais CRTVG, TVG e RG. Ademais, o seu director xeral será escollido por maioría de dous tercios no Parlamento de Galicia (tres quintos en segunda votación). O seu mandato será de cinco anos, prorrogables por outro lustro, e cesará automaticamente no cargo se o presuposto se desvía máis dun 10%. Así mesmo, reduciranse os membros do Consello de Administración de 12 a 6, máis o director, e estes non poderán ser cargos políticos. Ademais, o ente contará cun estatuto profesional e cun consello de informativos, que reforzarán a independencia dos periodistas. Por outro lado, seguirá manténdose o financiamento mixto; a realización e edición de contidos informativos non poderá ser cedida a terceiros; impulsarase a produción propia; e aprobarase un mandato-marco de nove años, e un contrato-programa cada tres.

Despois dos últimos flocos consensuados na reunión da ponencia que tivo lugar o venres, tralo principio de acordo alcanzado entre os líderes do PPdeG (Alberto Núñez Feijóo) e do PSdeG (Pachi Vázquez) o xoves, ambos partidos rexistraron un texto conxunto no Parlamento. Está previsto que a proposta comece a súa tramitación antes de que conclúa este período de sesións, e que sexa por vía urxente. O obxectivo é poder aprobala en outubro deste ano, e que na primavera de 2012 os órganos de dirección estean renovados. O BNG, o outro grupo político con representación na Cámara, que abandonou a ponencia a semana pasada ao considerar que PPdeG e PSdeG pretendían converter este órgano nun elemento «ao servicio dun partido ou dun goberno», rexistrou a súa propia proposta de reforma de Lei da CRTVG, aínda que o socialista José Manuel Lage dixo que non renuncia a «seducir» ao BNG para que se sume ao texto consensuado.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: