O DOCUMENTAL “EL INCIERTO SEÑOR CUNQUEIRO” ESTRÉASE ESTE VENRES EN LA 2

23 / 06 / 2011

O escritor galego Álvaro Cunqueiro será o protagonista o vindeiro venres 24 de xuño do espazo “Imprescindibles” co documental  ‘El incierto señor Cunqueiro’, que analiza aa figura do escritor a través da súa propia testemuña e das distintas visións que sobre a súa vida e a transcendencia da súa obra aportan máis dunha decena de especialistas. O documental estréase este venres ás 22.00 horas en La 2 de TVE. ‘El incierto señor Cunqueiro’, producido por AC/E e Filmanova, ofrece unha aproximación en profundidade á obra do escritor Álvaro Cunqueiro, tanto en castelán coma en galego, así como a súa produción narrativa, teatral, poética, periodística e  gastronómica.

Antón Reixa dirixe este documental de 60 minutos, producido por AC/E e Filmanova, que tenta resolver a cuestión de por que vinte anos despois da morte dun dos escritores en lingua galega máis importantes de tódolos tempos, Cunqueiro foi ata fai pouco un gran descoñecido en Galicia e por que na literatura en lingua española sigue sendo aínda un escritor ignorado.

O documental reúne imaxes de arquivo nas que o propio Álvaro Cunqueiro fala das súas claves literarias, os seus amigos, os seus gustos… Testemuñas ás que se suman os máis dunha decena de familiares, escritores, críticos, amigos e especialistas como Xoan Bello, Quico Cadaval, Xavier Castro, César Cunqueiro, Juan Ramón Díaz, Luis Mateo Díez, Francisco Fernández del Riego, José María Merino, César Antonio Molina, César Morán, Sacha Ormaechea e Nélida Piñón.

O documental complétase coa gravación do ensaio dunha das pezas teatrais máis importantes da produción de Cunqueiro, ‘Don Hamlet’, na que se reflexan moitas das características da súa obra coma o gusto polos clásicos, a relectura dos mitos, a súa obsesión pola linguaxe, etc.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: