PRESÉNTASE O BAIXO AS ESTRELAS, A PROGRAMACIÓN DE CINE AO AIRE LIBRE

30 / 06 / 2011

A cidade de Ourense terá, por terceiro ano consecutivo, unha programación de cine ao aire libre para as noites do verán: o Baixo as Estrelas, que vén de ser presentado na oficina do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) da man de Isabel Pérez, presidenta da institución. O ciclo terá lugar todos os venres de xullo e agosto (ás 23:00 horas, na praza de San Martiño, con asistenza libre e de balde), e constitúe “unha das citas máis celebradas e que máis público concita do noso calendario”. Se habitualmente o Baixo as Estrelas presentaba o palmarés da última edición do OUFF, desta vez dáse un paso adiante cunha proposta novidosa, atractiva e inédita.

O máis significativo desta nova edición é a implicación de organismos coma escolas de cine, promotoras do audiovisual e, fundamentalmente, dos festivais galegos de cine: No Baixo as Estrelas 2011 haberá lugar para a Escola Superior de Cine e Audiovisual de Cataluña (ESCAC) -este venres 1 de xullo- e para a Escola de Cine e Audiovisual de Madrid (ECAM), que pasan por ser referentes no ámbito estatal. Cada unha delas presentará en Ourense unha escolla de oito curtas. Tamén estarán institucións coma a Filmoteca Vasca, que exhibirá parte do seu catálogo en Ourense (entre o que se atopa un traballo do realizador Nacho Vigalondo) ou o Festival de Cine Tapiales de Arxentina, que vén cunha mostra itinerante do cine do seu país.

Porén, o OUFF síntese especialmente honrado pola presenza dos principais festivais de cinema galegos, “eventos que consideramos irmáns e complementarios”, en palabras de Isabel Pérez, e que proxectarán aquí os filmes premiados nas súas edicións máis recentes. Falamos do Festival de Cans, do euro-árabe AMAL, da Mostra de Cinema Periférico S8 d’A Coruña, do Curtocircuito de Santiago de Compostela e do PLAY-DOC de Tui. Este último daranos a oportunidade de ver, por primeira vez na cidade de Ourense, o documental Todos vós sodes capitáns, de Oliver Laxe, a nova sensación do cinema galego premiado nos festivais de Cannes, no Mar de Plata arxentino, en Xixón, Cineuropa e, precisamente, no Play-Doc.

Outra das novidades do Baixo as Estrelas 2011 é a sía forte aposta por formatos coma a curtametraxe ou o documental, pouco habituais nos circuitos comerciais pero demandados polo noso público e especialmente idóneos para proxeccións destas características.

Desde o OUFF irémosvos informando puntual e detalladamente das propostas para cada venres.

Camiño do 16OUFF
O intenso labor de programación para o público durante todo o ano non fai esquecer o obxectivo principal do OUFF: a elaboración do único festival internacional de cine galego, e que na súa decimosexta edición celebrarase do 14 ao 23 de outubro. Actualmente, o persoal do OUFF e os expertos visionadores que colaboran coa institución atópanse inmersos no difícil proceso de selección dos filmes recibidos coa intención de ofrecer unha escolla das producións cinematográficas e audiovisuais máis innovadoras e destacadas. Os primeiros resultados da selección poderemos coñecelos ao longo do mes de agosto.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: