ARRANCA O XXI CICLO «NOITE DE CINE», QUE CHEGARÁ A MÁIS DE 40 LOCALIDADES DE A CORUÑA

4 / 07 / 2011

O vindeiro mércores 6 de xullo arrincará «Noite de cine 2011», un ciclo de películas ao aire libre que organiza a Deputación de A Coruña, en colaboración cos distintos Concello adheridos á iniciativa. En total realizaranse, ata setembro, máis de 180 proxeccións en máis de 40 municipios.

Esta XXI edición do programa Noite de Cine pretende sumarse á conmemoración de 2011 como Ano Internacional dos Bosques. De feito, o cartel deste ano recrea unha proxección de cine ao aire libre nun dos bosques atlánticos mellor conservados de Europa, o parque nacional da Fraga do Eume, tendo como fondo o Mosteiro de Caaveiro. Ademais, a iniciativa contará cunha película eixo con motivo de dita conmemoración: o clásico da animación dos estudos Ghibli Mi vecino Totoro, de Hayao Miyazaki. En canto ao resto de títulos que conforman este ano a proposta, algúns combinan os premios coa excelencia técnica e os grandes resultados en taquilla, caso de Avatar, de James Cameron, ou a animada Up, de Disney/Pixar. As grandes produccións do cine español están representadas por Agora, de Alejandro Amenábar, e a oscarizada coproducción con Arxentina El secreto de sus ojos, de Juan José Campanella; e o cine galego está presente coas ficcións Los muertos van deprisa, de Angel de la Cruz, e La noche que dejó de llover, de Alfonso Zarauza, ambas multipremiadas nos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. Por último, presentaranse tres versións cinematográficas de libros orientados ao público infantil e xuvenil: Kika Superbruja y el libro de los hechizos, Luna nueva e Corazón de tinta.

«Noite de Cine», ao longo dos seus máis de catro lustros de vida, converteuse en todo un clásico das noites estivais en pobos e cidades da provincia coruñesa. Nos seus inicios, o programa foi pensado para fomentar a exhibición de películas no seu formato orixinal de 35 mm principalmente no ámbito rural, en pequenas poboacións sen sala de proxección estable. Co transcorrer dos anos, a empresa IB Cinema orientou a iniciativa cara ámbitos máis complexos que a sinxela proxección de películas, procurando conxugar unha actividade lúdica, como o desfrute do cine ao aire libre coa familia e os amigos, co cultural, grazas a distintas campañas, cada unha co seu concurso alegórico, centradas cada tempada nun tema.

 

Etiquetas: