UNHA CHAMADA Á CONVIVENCIA (180º) E UN DOCUMENTAL PARA REFLEXIONAR SOBRE O A COMIDA QUE MERCAMOS NO SÚPER ONTE NO OUFF

19 / 10 / 2011

O suízo Cihan Inan chega ao OUFF con 180º, a súa ópera prima tras dez anos no teatro. Unha historia que conta a fuxida dun asasino en serie mesturada coa traxedia de dúas familias, unha suiza e outra de orixe turca [Cinebox, 18-19-20]. Pola súa banda, o holandés Walther Grotenhuis presentou o docu Smakelijk Eten! Hoe voedsel de wereld verandert, un traballo que cuestiona a orixe dos alimentos [Cinebox, 18-19-20].

As roldas de prensa do 16OUFF contaron onte, 18 de outubro, con dous directores de fitas en competición oficial, Walther Grotenhuis, do documental Smakelijk Eten!, e Cihan Inan e Siir Eloglu, director e actriz respectivamente da longametraxe 180º.


O suízo Cihan Inan chega ao OUFF coa súa ópera prima, un traballo que tivo sete anos de preparación previa, e que supón o salto de Inan dende o teatro á gran pantalla. O filme comeza coa historia dun asasino en serie que comeza a fuxir e que se vai entremezclando coa traxedia de tres familias, unha suiza e outra de orixe turca, que se teñen que enfrontar aos accidentes nos que se ven implicados os seus fillos cunha outra parella, que tamén protagoniza este filme coral. «Van aparecendo as situacións caóticas nas que se ve metido o asasino xunto coas das familias que se atopan ao límite e en situación traumática», afirma Inan. O director e guionista, de orixe turca, quere reflexar a través destas dúas familias a multiculturalidade que se vive en Suiza e que «pese as diferentes orixes dos protagonistas, un evento traumático fainos a todos iguais». O director estivo acompañado por unha das protagonistas da cinta, a actriz alemana de orixe turca Siir Eloglu, que aceptou o papel encantada porque foxe dos míticos roles que lle ofrecen ás mulleres turcas, «aquí non hai ningún prexuízo social, o que importa é o que lles pasa ás persoas independentemente da súa relixión». Cunha rodaxe de só 24 días, 180ª contou cun financiamento público de 1.700.000 euros.


Pola súa banda, o holandés Walter Grotenhuis presentou Smakelijk Eten! Hoe voedsel de wereld verandert (Bo proveito: como a comida cambia o mundo), un documental que tivo como punto de partida os cambios que o holandés comezou a ver nos estantes do seu supermercado hai uns cinco anos. «Antes só había amorodos no verán e, de súpeto, podiamos atopalos durante todo o ano. E isto pasaba con moitos produtos, así que comecei a preguntarme sobre a orixe desa comida». Centrándose en tres produtos e en tres países distintos, Grotenhuis comezou a investigar como era a produción nos lugares de procedencia e a forma na que afectaba ás xentes locais. Todo isto, coa idea de que «os espectadores reflexionen sobre a comida que teñen o seu alcance no supermercado pero non querendo culpabilizalos senón facendo que tomen conciencia». O director chegou a ter problemas durante a rodaxe en Brasil, Kenia e Filipinas, e incluso foi declarada persoa non grata en Kenia polo Ministerio de Exteriores. Todo isto coa fin de que os consumidores obteñan máis información e transparencia á hora de elexir os seus produtos


Actividades Profesionais (1/2).

O avogado sevillano David Bravo abriu as actividades profesionais do 16OUFF falando das licencias Creative Commons, moi popular grazas ao crowdfunding. “Os propios cidadáns convértense nos produtores da película, daslle merchandising, aparecen nos créditos e ti consegues a financiación”, explicou Bravo.
O segundo encontro profesional correu a cargo da produtora de contidos dixitais, María Yáñez, quen achegou unha mostra retrospectiva da experimentación visual que camiña dende o boom das home movies nos 60-70, pasando polas vangardas de videocreación a partir dos 80 para desembocar en tódalas posibilidades que ofrece Internet: «o valor da rede reside nas experiencias coas que non poidan competir os medios tradicionais”.
Pola tarde, o produtor Pancho Casal falou sobre a plataforma WEcoop de financiamento compartido.

Categoría: Noticias
Etiquetas: