CONFERENCIA SOBRE OS ACTUAIS CAMBIOS NO MUNDO ARABE ESTE VENRES

20 / 10 / 2011

A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) en colaboración coa Fundación Araguaney e a Fundación Carlos Casares convida a asistir este venres,  21 de outubro ás 20.00 horas no salón do Hotel Meliá-Araguaney á conferencia “Os actuais cambios no mundo árabe. Influencia das redes sociais e o xornalismo nas revolucións de primavera de 2011”, que impartirá o xornalista, sociólogo e profesor marroquí Younes M´Jahed, segunda autoridade mundial da International Federation of Journalists (IFJ) e especialista en información internacional.

Younes M´Jahed traballa actualmente no diario marroquí Al Ittihad Ichtiraki II, e ata hai pouco foi o corresponsal da axencia española EFE en Marrocos. Coñece de primeira man a realidade do mundo árabe e a de todos e cada un dos países que o compoñen, aos que viaxa con frecuencia. É autor de numerosas publicacións sobre dereitos humanos e liberdades no seu país, -no que estivo preso nos tempos de Hassan II- así coma análises sobre a sociedade civil, informes sobre a liberdade de expresión e o recente libro “O movemento dos xóvenes en paro e a comunicación” (Organización do Traballo Árabe, O Cairo 2010).

No acto estarán tamén os presidentes das Fundación Araguaney e Carlos Casares, Ghaleb Ibrahim e Gustavo Garrido, respectivamente, e o presidente da APSC, Luís Menéndez, quen fará a presentación de Younes M´Jahed e moderará o posterior coloquio.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: