A coprodución entre Chile e Francia Nostalgia de la luz e o traballo estadounidense The City Dark foron os gañadores da IV Mostra Internacional de Ciencia e Cinema de A Coruña, que se celebrou na cidade do 24 ao 28 de outubro organizada pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias (AACC).
O eixo central da Mostra Internacional de Ciencia e Cinema era unha sección oficial para a que se seleccionaran 17 producións que trataban sobre calquera aspecto ou tema relacionado coas ciencias. Entre todas elas, un xurado integrado por José Manuel Sande, Xurxo Chirro, Pablo Portabales, Bibiana García Visos e Rosina López-Alonso, concedeu o premio ao mellor traballo do festival, dotado con 2.000 euros, á coprodución entre Chile e Francia Nostalgia de la luz, de Patricio Guzmán, «polo seu virtuosismo para crear múltiples estratos de significado unindo memoria, historia e ciencia mediante unha introspección persoal coherente con toda a obra do autor». O filme conta como en Chile, a tres mil metros de altura, astrónomos de todo o mundo reúnense no deserto de Atacama para observar as estrelas, mentres un grupo de mulleres remove as pedras en busca dos seus familiares.
Ademais, o xurado concedeu dúas mencións especiais. Unha foi para a obra francesa La linea generale, de Oleg Tcherny, «por ser un tratado no que se interpela á natureza da mirada con referencias conscientes á historia da arte e da ciencia». A outra recaeu na peza estadounidense The City Dark, de Ian Cheney, «polo seu afán divulgativo ben expresado a través dunha variedade de recursos narrativos, o humor e a súa pertinencia temática». Pola súa parte, un xurado conformado por alumnos de distintos institutos e colexios de A Coruña outorgou o premio da Xuventude, dotado con 1.000 euros, ao citado The City Dark, «pola maneira en que explora o problema da contaminación lumínica», de forma accesible para o gran público.