150 FILMES SERÁN EXHIBIDOS NO XXV CINEUROPA, QUE HOMENAXEARÁ A AITANA SÁNCHEZ-GIJÓN E JORGE DREXLER

9 / 11 / 2011

Hoxe, 9 de novembro, iníciase a 25ª edición do Festival Cineuropa, un evento cinematográfico que se prolongará ata o 2 de decembro na capital galega organizado polo Concello. Proxectaranse 150 películas en distintos espazos da cidade, incluíndo dous ciclos dedicados á Escola de Berlín e a Andrés Veiel, e unha retrospectiva especial con motivo dos seus 25 anos de vida. Ademais, entregaranse premios honoríficos á actriz Aitana Sánchez-Gijón e ao cantante e compositor Jorge Drexler.

Cineuropa, que dirixe o crítico José Luis Losa, concíbese como un «festival de festivais», xa que acostuma reunir o mellor do cine visto nos grandes certames cinematográficos internacionais ao longo da tempada. O evento vai programar este ano máis de 150 películas repartidas en distintos apartados, en varios dos cales se conceden premios do público, sen dotación económica. Na sección oficial exhibiranse 18 títulos europeos. Entre elles atópanse os españois De tu ventana a la mía, de Paula Ortiz, e Los pasos dobles, de Isaki Lacuesta (coproducido con Suiza). Os demais son The Artist, La guerre est déclarée, Hors Satan, Las nieves del Kilimanjaro, Le père de mes enfants, L’apollonide, Attack the Block, Jane Eyre, Tiranosaurio, Route Irish, Essential Killing, Faust, El niño de la bicicleta, Le Havre, If Not Us, Who e The Turin Horse. Pola súa banda, na sección «Panorama internacional» exhibiranse filmes procedentes doutros puntos do planeta diferentes de Europa, como The Conspirator, Killer Elite, Meek’s Cutoff, El estudiante, Medianeras, Miss Bala, Las razones del corazón, Et Maintenant on va où?, Road to Nowhere e Take This Waltz. Tampouco faltarán no Cineuropa 2011 outras seccións tradicionais como «Mundo Asia» (con títulos orientais como Kiseki ou Amor bajo el espino blanco, e un foco dedicado ao cineasta xaponés Shion Sono cos seus filmes Cold Fish, Guilty of Romance e Love Exposure), «Docs-Cineuropa» (con documentais españois como Mercado de futuros, La mujer del eternauta, Ibiza Occidente, Vikingland, El fabricante de cepillos e Contra a morte), o ciclo de cine para os máis pequenos «Cine miúdo» (con Astro Boy, Gru: mi villano favorito, Las aventuras de Don Quijote e Campanilla y el gran rescate), «Conexión Buenos Aires», con filmes procedentes do festival BAFICI da capital arxentina como Yatasto, La vida útil e Novias-Madrinas-15 años, e un pequeno foco do cineasta chileno Alberto Fuguet, coas súas obras Velódromo e Música campesina); e «Cinefilias», que presentará as películas Erase una vez en América, de Sergio Leone, e Misterios de Lisboa, como homenaxe a Raúl Ruiz. Un ano más, a sección máis nutrida é a dedicada ao panorama audiovisual galego, que incluirá cinco decenas de obras de diversos xéneros de 15 cineastas, incluíndo unha integral de Alberte Pagán. Tamén estarán presentes na misma Xurxo Chirro, Lois Patiño, Xacio Baño, Alberto Gracia, Marcos Nine, Angel Santos, Otto Roca, Sonia Méndez, Carlos Meixide e Tomás Lijo, Senem Outeiro, Antón Caeiro, Borja Mucientes, Uqui Permuy e Ricardo Llovo, e ofrecerase un programa especial o venres 23 dedicado a obras de creadoras galegas, que irá precedido dunha mesa redonda na que participarán Margarita Ledo, Olaia Sendón e Diana Gonçalvez.

Ademais, dedicaranse outros focos á directora e actriz francesa Valerie Donzelli (con La guerra est déclarée e La reine des pommes) e ao realizador alemán Andres Veiel (con If Not Us, Who, Balagan, Der Kick, Dieüberlebenden, Die Spielwütigen e Winternachtstraum), e ofrecerase un ciclo dedicado á Escola de Berlín, con títulos como Yella, Jerichow, Sehnsucht, Schläfer, Nachmittag, Bungalow, Gespenter, Ferien, Pingpong e Klassenfahrt. Mentres, en Docs-Music veranse unha serie de documentais sobre Elvis Presley, que se complementarán cun maratón o 26 de novembro sobre a presenza do mítico cantante en Hollywood. Tampouco faltará o tradicional maratón, o 2 de decembro no Teatro Principal, que este ano centrarase nos reis do Freak Cinema, con curtas como Carabás ou Susan in Red, e filmes como Guilty of Romance, Love Exposure, Hors Satan, Cold Fish, Attack the Block, L’humanité e unha película sorpresa. Por último, con motivo dos 25 anos de Cineuropa, ofrecerase una retrospectiva cunha decena dos mellores títulos exhibidos no evento neste cuarto de século de vida, realizados por autores de referencia como Theo Angelopoulos (La mirada de Ulises), Emir Kusturika (Underground), Robert Guédiguian (Marius et Jeannette), Ken Loach (My Name is Joe), Michael Haneke (Caché), Mike Leigh (Naked), Claude Chabrol (Gracias por el chocolate), Jacques Rivette (La belle noiseuse), Florian Henckel (La vida de los otros) ou Lars Von Trier (Bailar en la oscuridad). Ademais, con motivo da onomástica celebrarase un concerto especial gratuíto no Auditorio de Galicia o venres 11 coa Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Mélanie Thiébaut, que acompañará á proxección do filme soviético La nueva Babilonia. Por outra banda, terá lugar o luns 14 unha mesa de debate sobre o pasado, presente e futuro dos festivais de cine con Xaime Pena, Martin Pawley, José Manuel Sande e Marta Gómez, moderado por Losa. Cineuropa abrirá as súas portas hoxe cunha gala no Teatro Principal de Santiago na que se fará entrega dun dos Premios Cineuropa honoríficos deste ano á actriz Aitana Sánchez-Gijón. Na súa honra exhibirase Oviedo Express, de Gonzalo Suárez. O outro premio especial entregarase, no mesmo recinto, o martes 15 de novembro ao compositor e cantante Jorge Drexler, gañador dun Oscar por Diarios de motocicleta. Incluirá un concerto gratuíto do artista. As proxeccións do festival repartiranse por distintos espazos da capital galega coma o citado Teatro Principal, o Salón Teatro, a Fundación NovaCaixaGalicia e o CGAC. O prezo das entradas será de 3 euros, aínda que hai abonos de 10 películas por 20 euros. O prezo para o maratón será de 5 euros.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: