VÍCTOR LÓPEZ, DIRECTOR DE VODKA CAPITAL, FALARÁ NO MPXA

22 / 11 / 2011

Víctor López, director xeral e socio fundador de Vodka Capital, impartirá o próximo venres 25 de novembro o módulo Novos media e novos modelos de financiamento no MPXA (Máster en Produción e Xestión Audiovisual), título propio da Universidade da Coruña que organiza a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre coa colaboración da Xunta de Galicia.

O director xeral de Vodka Capital, que é ademais un dos creadores de Pocoyó, mostrará aos alumnos as diferentes xanelas de explotación dos contidos audiovisuais; analizará o fenómeno do Brand Entertainment, novo sistema publicitario da televisión dixital, a telefonía móbil e os videoxogos onde a propia marca crea contido; e falará da marca como forma de comunicación no mercado audiovisual e da capacidade dos contidos audiovisuais para migrar a novos formatos.

López foi socio fundador de varias empresas do sector audiovisual e produtoras de espazos de entretemento, como Zinkia Entertainment e Secuoyas. Desde 2008 é director xeral de Vodka Capital, compañía dedicada a identificar, financiar e xestionar marcas de entretemento en series de televisión, longametraxes, videoxogos, etc. A serie de televisión Jelly Jamm e Faster, marca persoal de Fernando Alonso, son algúns dos produtos xerados por esta empresa.

Durante esta xornada os alumnos, ademais, realizarán un taller creativo co fin de buscar un produto audiovisual e xestionar a súa produción nas diferentes plataformas.

Categoría: Noticias
Etiquetas: