TVG INICIA CONTACTOS PARA PARTICIPAR EN PROXECTOS TELEVISIVOS CON OUTRAS CANLES EUROPEAS

23 / 11 / 2011

A Televisión de Galicia iniciou contactos para participar en proxectos televisivos con outras canles europeas, tras ser invitada por primeira vez a participar no Consello Europeo da asociación de televisións públicas Circom Regional que tivo lugar o pasado fin de semana na localidade sueca de Malmo.

No encontro, no que a representación galega correu a cargo do director de Comunicación da CRTVG, Fernando R. Ojea, os asistentes avaliaron varias propostas de colaboración no campo da formación de profesionais, as coproduccións e os intercambios de programas. A TVG levou ao Consello a iniciativa de crear un programa musical coproducido por diversas televisións, que recibiu o respaldo dos asistentes e será desenvolvida nos próximos meses para ser presentada como proxecto na Conferencia Anual que Circom está organizando para o próximo mes de maio tamén en Malmo Precisamente, por iniciativa da televisión anfitriona, a SVT sueca, no encontro acordouse que o xefe de prensa da Conferencia Anual será Fernando R. Ojea.

O encontro serviu tamén para elixir ao novo presidente de Circom Regional, Jacques Briquemont, procedente da televisión francófona belga RTBF, que substitúe a Michael Lally, da canle irlandesa en gaélico TG4, que agotou os tres anos de mandato. Dos 29 países que son membros do órgano, a xunta do Consello Europeo de Circom foi seguida por delegados de televisións públicas de Austria, Francia, Chequia, Chipre, Italia, Croacia, Dinamarca, Bélxica, Eslovenia, Holanda, Irlanda, Georgia, Hungría, Malta, Noruega, Albania, Serbia e Suecia, ademais do representante galego.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: