A vindeira edición do Culturgal (2-4 decembro) acollerá unha programación variada dentro da que se destacan algunhas citas imperdibles. Ignacio Vilar presentará Vilamor o 2 ás 18.00 horas. Ao día seguinte, será a quenda para a presentación do libro do programa Criaturas, de Pórtico e editado por Galaxia ás 13.00 horas. Pola tarde Manuel Rivas, José Luis Cuerda e o xornalista Manuel Jabois falarán da relación entre literatura e cine e da experiencia en Todo é silencio ás 19.00 horas. Ademais, en paralelo, haberá un foro profesional, onde se presentarán proxectos de futuro como a plataforma Wecoop, que introducirá Paula Cons, de Continental, ou a experiencia de OQO filmes, que explicará Eva Mejuto.
Culturgal ofrecerá ao público de xeito gratuíto máis de 130 actividades (30 máis có ano pasado), das que 83 serán para público xeral, 24 para familiar e 23 para profesional.
Por disciplinas, 34 destas actividades están relacionadas co libro, 27 coa música, 21 coas artes escénicas (sector que se incorporou con moita forza nesta edición), 8 co audiovisual, 4 coas novas tecnoloxías e 36 son multidisciplinares. Este equilibro sectorial mantense nas 70 entidades que exporán os seus produtos e servizos na Feira: 16 pertencen ao do libro, 12 ao da música, 12 ás artes escénicas, 5 ao audiovisual, 4 ás TIC e 19 desenvolven actividades multidisciplinares.
A unha semana de que comece Culturgal, xa hai máis de 130 profesionais acreditados, unha programación profesional con preto de medio cento de relatores nacionais e internacionais e máis de 120 entidades presentando as súas propostas na programación oficial da Feira, o que segundo asegurou Sergio Lago, director da Feira, demostra que “o fogar da cultura galega que é Culturgal constitúe sen lugar a dúbidas o máis completo espazo de encontro e difusión da cultura galega”. Lago salientou que é moi satisfactorio dirixir un proxecto que acada un consenso tan amplo, xa que tanto as institución públicas coma privadas e as asociacións son consciente que chegar ao público é o obxectivo máis importante.
Toda a información sobre o programa da feira, do foro profesional, as actividades dentro e fóra do Pazo da Cultura de Pontevedra ou os descontos nos medios de transporte está dispoñible no web http://www.culturgal.com/