THE LITTLE WIZARD. O MAGO DUBIDOSO SELECCIONADA PARA O FESTIVAL INTERNACIONAL DE NOVO CINE LATINOAMERICANO DA HABANA

29 / 11 / 2011

A longametraxe The little wizard. O mago dubidoso de Roque Cameselle foi seleccionado para participar no 33 Festival Internacional de Novo Cine Latinoamericano que se celebrará na Habana (Cuba) entre os próximos 1 e 11 de decembro do 2011.

O cine de animación galego concorrerá así por primeira vez a este festival de tanto prestixio internacional, que o ano pasado acolleu a estrea da película Chico&Rita, tamén de debuxos animados, aínda que dirixida a un público adulto.

The little wizard. O mado dubidoso está producida por Deboura Cinema, compañía  cinematográfica galega. Escrita e dirixida por Roque Cameselle, os eu argumento basease na novela da súa autoría Bieito Dubidoso. Esta obra foi publicada por primeira vez en galego pola Editorial Xeráis no ano 2003, cunha excelente acollida.

The little wizard. O mago dubidoso está realizada segundo a técnica tradicional do 2D, debuxo a debuxo, con calidade full animation.  Para confeccionar os fondos e paisaxes utilizouse o innovador método de pintalos en acuarela, e incorporados posteriormente á película con técnicas dixitais, desenvolvidas pola propia empresa.

O equipo  artístico está composto por profesionais da animación que participaron en gran parte das producións realizadas en Europa nos últimos vinte anos: «Nocturna», «O Cid», «Asterix e os viquingos», «Corto Maltese»… En colaboración con novos debuxantes saídos das máis prestixiosas escolas especializadas como a Escola Superior de Debuxo Profesional (Madrid), Escola Trazos (Madrid), Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso (A Coruña) ou 9zeros (Barcelona).

The little wizard. O mago dubidoso presenta a Idade Media en Galicia abordando temas como a maxia, a cultura autóctona, a amizade e o amor.

O punto de partida da historia sitúase nun día de outono, cando uns piratas normandos asaltan o barco de Pedro Cabaledo, atracado no peirao da súa casa. Mediante a maxia, o seu fillo Bieito Dubidoso, de nove anos de idade, consegue que os guerreiros fuxan espavorecidos. Por mor disto, a súa sona traspasa os muros da casa, coñece a Destreza, a súa inseparable compañeira, e gáñase a admiración dos veciños. Pero o bispo Xoán, dono e señor da cidade, non lle perdoará que o faga pasar por un covarde diante dos seus vasallos.

Este enfrontamento entre o poderoso clérigo e o neno meigo é o tronco de onde nacerán todas as historias que na película cóntanse.

Os protagonistas de The little wizard. O mago dubidoso son, en primeiro lugar Bieito Dubidoso, un mozo cuxa vida abarca o período de florecemento político e cultural máis sobresaínte de Galicia. Ao mesmo tempo, coincide co auxe das grandes peregrinacións a Santiago de Compostela.

Nace en Tui, cidade equidistante entre cidades de Braga e Compostela, onde tiñan a súa sé os poderes eclesiásticos, moitas veces en conflito e por tal motivo escenario involuntario dos enfrontamentos entre ámbalas dúas dioceses. Desde pequeno, a súa portentosa habilidade cos xogos de maxia, e o seu carácter tranquilo, propiciarán o seu achegamento aos personaxes históricos da súa época.

E, en segundo lugar, Destreza, a quen o neno mago liberará, mediante o seu primeiro xogo de maxia coñecido publicamente, duns piratas normandos que a tiñan secuestrada. Desde ese momento, Destreza converterase na súa compañeira inseparable de xogos e aventuras, de desgrazas e felicidades.

O director da longametraxe, Roque Cameselle, é un destacado escritor da literatura galega tanto pola súa mocidade como pola súa madureza creativa. Polifacético e experimentado profesional dos «media», conta no seu haber numerosos premios literarios e cinematográficos.

Nestes momentos, Roque Cameselle encóntrase inmerso na preprodución dunha serie de animación titulada O diario de Berto.

 

FICHA TÉCNICA

Título: The little wizard. O mago dubidoso

Dirección: Roque Cameselle

Dirección de animación: Toni Torronteras

Deseño de produción: Ángel Álvarez/Pablo A. Rosendo/Nieves Lago/Julio Canovas

Produción: Alberto Cameselle

Guión: Roque Cameselle

Baseada en: «Bieito Dubidoso» (Edicións Xerais, 2003)

Música: Roque Baños

Montaxe: Fernando Pardo

Ano: 2011

Xénero: Animación

Duración: 80 minutos

Idioma(s): Galego/Castelán

Formato: 35mm

Produtora: Deboura Cinema

Categoría: Noticias
Etiquetas: