CICLO BERTRAND BONELLO NO CENTRO GALEGO DE ARTES DA IMAXE

1 / 12 / 2011

O CGAI comeza mañá venres 2 e decembro o ciclo dedicado ao cineasta francés Bertrand Bonello coa proxección (18.00 e 20.45 horas) da súa primeira longametraxe, Quelque chose d´organique (1998) e a curta Where the boys are (2010).

BERTRAND BONELLO:


En colaboración con: Festival Internacional de Cine de Gijón, IVAC-La Filmoteca de Valencia e Filmoteca de Cantabria.  

Premiado polos festivais e solicitado por espazos culturais de todo o mundo pola súa obra elegante e sensual, o CGAI organiza un ciclo dedicado a Bertrand Bonello (Niza, 1968). Bonello artella universos de illamento, dualidade, xogos de espellos, carnalidade, paixóns extremas e seres pechados, un mundo ambiguo e fascinante construido a través de cinco longametraxes. Aproveitamos o percorrido pola súa obra para estrear L’Apollonide, estético e refinado retrato dun burdel do París do Modernismo co que compareceu na pasada edición de Cannes.
O ciclo amosará ao público as súas longametraxes, varias obras de curta duración e musicais (un concerto da cantante alemana e musa de Fassbinder Ingrid Caven), nas que reluce a súa condición de brillante músico e compositor, con experiencia en orquestras e xunto a destacadas figuras da música como Françoise Hardy, Carole Laure ou Elliott Murphy.

Venres 2 de decembro (18.00 e 20.45 horas)
WHERE THE BOYS ARE    
(Francia, 2010)
Dirección e guión: Bertrand Bonello. Produción: Les Films du Bélier. Fotografía: Josée Deshaies. Intérpretes: Pauline Etienne, Esther Garrel, P’Tissem Ayata. Duración: 22 minutos.  
Catro mozas soñan con atopar o amor mentres asistimos á fin da construcción dunha mezquita nunha praza dos suburbios de París. Presente en Locarno e Rotterdam.   

QUELQUE CHOSE  D’ORGANIQUE   
(Francia-Canadá, 1998)
Dirección e guión: Bertrand Bonello. Produción: Cité-Amérique e Haut et Court. Fotografía: Josée Deshaies. Intérpretes: Romane Bohringer, Laurent Lucas. Duración: 90 minutos.  
Paul e Marguerite parecen amarse despois de cinco anos de relación. A primeira longametraxe de Bonello segue liñas mestras trazadas antes por Eustache ou Garrel, unha análise dun amor que semilla visceral e orgánico e que quizais esté en proceso de desintegración. Silencios, corpos, músicas, dualidades, Bonello xa perfila os valores da súa filmografía futura.  

Mércores 7 de decembro (18.00 e 20.45 horas)
DE LA GUERRE    
(Francia, 2008)
Dirección e guión: Bertrand Bonello. Produción: My New Picture, Les Films du Lendemain e Canal+. Fotografía: Josée Deshaies. Intérpretes: Mathieu Amalric, Asia Argento, Guillaume Depardieu, Michel Piccoli. Duración: 130 minutos.  
Un director de cine chamado Bertrand queda pechado accidentalmente toda unha noite nun ataúde. O vindeiro día, Bertrand sinte, entre o trauma e a revelación, a necesidade de deixar a súa vida cotián e unirse a un grupo illado, “o Reino”. O grupo procura as súas regras para atopar a felicidade. A orixinalidade de Bonello nun filme tan hipnótico como poderoso.   

Venres 9 de decembro (18.00 e 20.45 horas)
LE PORNOGRAPHE    
(Francia-Canadá, 2001)
Dirección e guión: Bertrand Bonello. Produción: Haut et Court, In Extremis Images, coa participación de CNC, TPS Cinéma e Téléfilm Canada. Fotografía: Josée Deshaies. Intérpretes: Jean-Pierre Léaud, Jérémie Renier, Dominique Blanc. Duración: 108 minutos.  
Premio FIPRESCI Cannes 2001. Jacques (Jean-Pierre Léaud) é un autor de filmes porno “de autor” que tivo celebridade nos anos 70-80 con plantexamentos contraculturais que xa non parecen encaixar coas ansias comerciais do xénero. O seu fillo Joseph tamén procura o espazo para a utopía. Jacques, separado da súa muller, superviviente da historia, volve a dirixir un filme porno ao tempo que tenta reconducir a relación co seu fillo.   

Martes 13 de decembro (18.00 e 20.45 horas)
TIRESIA    
(Francia-Canadá, 2003)
Dirección: Bertrand Bonello. Guión: Bertrand Bonello, sobre unha historia de Luca Fazzi. Produción: Canal+, CNC, Haut et Court, MJBC Foundation, Procirep, MEDIA, SODEC, arte France, Téléfilm Canada, micro_scope. Fotografía: Josée Deshaies. Intérpretes: Laurent Lucas, Clara Choveaux, Thiago Tèles. Duración: 115 minutos.  
Competidora pola Palma de Ouro en Cannes 2003. Tiresia é a un tempo home e muller, seguindo o mito grego do visionario cego. No filme de Bonello é un transexual brasileño que vive co seu irmán na periferia de París. UN home soñador, Terranova, obsesionase por Tiresia ata o punto do secuestro. Longametraxe de estraña e escura beleza, a carnalidade do cine de Pasolini ou Cronenberg casa co ascetismo de Bresson.

Mércores 14 de decembro (18.00 e 20.45 horas)
L’APOLLONIDE (SOUVENIRS DE LA MAISON CLOSE)  
(Francia, 2011)
Dirección e guión: Bertrand Bonello. Produción: Les Films du Lendemain, My New Picture e arte France. Fotografía: Josée Deshaies. Intérpretes: Hafsia Herzi, Céline Sallette ; Jasmine Trinca. Duración: 122 minutos.
Sección Oficial Cannes 2011. A inicios do século XX nun prostíbulo de París, unha prostituta é desfigurada por un cliente. Marcada traxicamente, a convivencia e o universo pechado segue o seu discorrer no burdel. Ambicioso retrato de grupo e, en simultáneo, de individualidades que vai ter estrea en España.  

Xoves 15 de decembro (18.00 e 20.45 horas)
CONCERT D’INGRID CAVEN / INGRID CAVEN, MUSIC ET VOIX   
(Francia, 2006)
Dirección e produción: Bertrand Bonello. Fotografía: Josée Deshaies. Duración: 106 minutos.  
Concerto da cantante e actriz alemana, antiga musa de Fassbinder, Ingrid Caven. Nos seus recitais alterna Kurt Weill, Erik Satie, os Beatles ou Schönberg con textos escritos por ela mesma ou o malogrado Fassbinder. Neste recital hai unha composición electrónica de Giuseppe Giuliano e novos temas a cargo de Peer Raben, compositor á súa vez de Fassbinder.
 

Categoría: Noticias
Etiquetas: