O luns 5 de Decembro ás 21:30 horas, o Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle a estrea de 6 curtametraxes realizadas por antigos alumnos de Comunicación Audiovisual da USC (Universidade de Santiago de Compostela).
A presentación dos proxectos ben pode ser a resposta ao falso tópico de «xeración ni-ni», pois os 6 mozos que expoñen os seus traballos a noite do luns están demasiado acostumados á ecuación «estudar, traballar e non cobrar». As curtametraxes foron realizadas con «orzamento 0», esforzo infinito e axuda multilateral (os propios directores son actores e técnicos nas curtametraxes dos seus compañeiros).
A entrada é de balde, polo que todo aquel que queira asistir está invitado a esta noite de cine cuxo cartel está composto por:
-“A mí me gustan los espaguetis”, dirixida por Gonzalo Alonso e interpretada por Isma Freire, Borxa Logares, Luis E. Froiz, Paulo Fernández e Gonzalo Alonso.
Uns ladróns entran a roubar un importante obxecto nunha casa. Pero as cousas non serán tan sinxelas, posto que non son os únicos interesados.
-“As pequenas batallas”, dirixida por Andrés Carrasco e interpretada por Daniel Villaverde e Andrés Carrasco.
Dous amigos discuten sobre a continuidade do seu equipo de waterpolo, ante a pouca aceptación que a proposta levanta entre os membros restantes.
-“Comando 42”, dirixida por Loli Iglesias e interpretada por Paulo Fernández, Daniel Villaverde, Gonzalo Alonso, Bryce Label e Loli Iglesias.
O comando 42 reúnese por última vez para decidir o futuro desta organización terrorista armada. Pero tamén está en xogo o futuro dos membros do grupo.
-“Bilingüismo Cordial”, dirixida por Daniel Villaverde e interpretada por Daniel Villaverde.
Un mozo cun currículum excelso acode a unha entrevista laboral para ocupar un importante cargo. Todo indica que o posto será para el ata que abre a boca… e fala galego.
-“O día que Ana deixou de ser Ana para seguir sendo Ana”, dirixida por Paulo Fernández e interpretada por Loli Iglesias e Toya Fernández.
Ana viaxa coa súa maleta a unha pensión para desfacerse.
-“Un hombre está tumbado en el suelo”, dirixida por Luis E. Froiz e interpretada por Paulo Fernández, Loli Iglesias e Hache Faílde.
Un home está a escarvar coas súas mans no chan. Atopa unha botella. Isto lévanos a unha habitación, onde el e a súa noiva falan sobre a súa relación creándose enlaces entre o significado real da botella e a súa vida sexual.