A XUNTA DE GALICIA IMPULSA UN PLAN DE INTERNACIONALIZACIÓN DO SECTOR AUDIOVISUAL

30 / 12 / 2011

O Consello da Xunta de Galicia autorizou onte un acordo destinado a potenciar e incrementar a capacidade de internacionalización das empresas galegas do sector audiovisual, e a apoiar o labor da Galicia Film Commission para atraer rodaxes de cine e publicidade á rexión.

A Consellería de Economía e Industria da Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), destinará 350.000 euros á promoción exterior do sector e das producións audiovisuais galegas, ao amparo do Plan de Internacionalización do Audiovisual. Deste modo, poderá coordinarse a presenza do sector nos mercados audiovisuais nacionais e internacionais relevantes, co obxectivo de posibilitar a presentación das súas producións aos profesionais desta actividade (distribuidores, axentes de venta, compradores, canles de televisión, novas plataformas, etcétera). Ademais, este acordo facilitará o establecemento de contactos comerciais, así como o achegamento directo ás tendencias actuais.

A Consellería tamén promoverá a presenza en festivais e semanas de cine nacionais e internacionais, e o audiovisual galego participará en eventos especializados en Berlín, Cannes ou Bós Aires, entre outros. O Plan de Internacionalización contribuirá, así mesmo, á organización de encontros bilaterais con produtores de territorios de interese, de cara a fomentar a coprodución internacional. Outro dos obxectivos consiste en atraer rodaxes de cine e publicidade á Comunidade, a través da oficina Galicia Film Commission, orientada á promoción da rexión como escenario para a realización de obras audiovisuais, xestión de trámites administrativos e fomento da utilización de recursos galegos, como empresas auxiliares e profesionais do sector.

Categoría: Noticias
Etiquetas: