CTV ULTIMA OS PREPARATIVOS DE TOURILANDIA, UN NOVO PROGRAMA DE HUMOR

5 / 01 / 2012

O próximo xoves 12 de xaneiro, ás 22:00 horas, estrearase Tourilandia, un novo programa de humor producido por CTV para a Televisión de Galicia, que se emitirá as noites dos xoves no prime-time.

Xa está case todo disposto para que o Plató 1.000 de CTV en Montouto, ofreza semanalmente dúas horas de espectáculo con público, nas que o humor será o fío conductor. Ao fronte de Tourilandia, como director e presentador, aparece Xosé Antonio Touriñán, que exerceu moitos papeis cómicos ao longo da súa traxectoria profesional. Acompañarano Xosé Arias, como copresentador, e actores de longa traxectoria no mundo do humor como Federico Pérez, Isi, Isabel Risco, Iria Sobrado e Marcos Pereiro, que darán vida cada xoves a distintas personaxes.

Aínda que non se desvelaron tódalas seccións que conterá o programa, en Tourilandia haberá sketches, tanto no estudio como en exteriores, invitados famosos que mostrarán a súa vertente máis artística, actuacións en directo de grupos musicais e da propia banda do espazo, parodias, comedias de situación, vídeos musicais, público activo en plató, e algún concurso que sorprenderá á audiencia pola súa orixinalidade. Será un show de humor no que os espectadores poderán tamén participar a través da web do programa.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: