A localidade pontevedresa de A Estrada está acollendo entre decembro e febreiro o I Festival de Cine de Terror «Panic», organizado polo Concello, Producciones Trípode e os Minicines Central, coa colaboración da Asociación de Comerciantes de A Estrada (ACOE) e dos IES. Aparte da proxección de catro filmes do xénero, inclúe outras diversas propostas, como unha Zombie Walk, charlas, un concurso de trailers falsos ou o pase de curtas amateurs. Un dos eixos centrais do I Festival de Cine de Terror «Panic» é un ciclo de películas do xénero, que se desenvolverá os próximos catro venres ás 24:00 horas nos Minicines Central, con entrada gratuíta. Abrirá o fogo, o 13 de xaneiro, o clásico El resplandor (1980), de Stanley Kubrick. Seguiranlle o recente remake-precuela La cosa (2011), de Matthijs van Heijningen Jr. (o 20 de xaneiro), outro clásico, Abierto hasta el amanecer (1996), de Robert Rodríguez (o 27 de xaneiro), e outro filme de recente estrea nas salas, Attack the Block (2011), de Joe Cornish (o 3 de febreiro). En canto a actividades paralelas, este venres 13 terá lugar a Zombie Walk A Estrada, que percorrerá as principais rúas da poboación, e que está aberta a tódalas persoas que queiran participar.
O festival xa tivo algúns aperitivos. Así, en decembro tivo lugar a súa sección Panic-On, que consistiu en cinco charlas-coloquio nas que Pedro Pérez, un dos compoñentes da produtora local Producciones Trípode, falou a alumnos de cuarto da ESO e de primeiro e segundo de Bachiller dos IES do municipio do cine de terror. Paralelamente, os escolares poden participar nun concurso de tráilers de películas ficticias de terror, ao que poden remitir obras ata o 3 de febreiro. Unha selección dos mellores proxectarase o 10 de febreiro no Teatro Principal. Os seus creadores recibirán un obsequio. Por último, a sección Panic-Off consiste na proxección este próximo xoves, 12 de xaneiro, nos Minicines Central, dunha selección de curtas amateurs realizados por xoves do municipio.